O berro da Terra Nai

O concepto de Terra Nai é unha poderosa metáfora que personifica ao planeta que todos habitamos como figura materna, reflectindo os valores e o coidado asociados coa maternidade. Na actualidade, esta cualificación expresiva utilízase para salientar a importancia de coidar ao noso medio ambiente, promovendo un sentido de responsabilidade e reciprocidade cara á natureza que nos sostén e nutre.


Para iso, cada 22 de abril, celébrase o Día Internacional da Nai Terra. É unha efeméride oficial proclamada polas Nacións Unidas, cara ao final de 2005, ano a partir de que se inaugurou esta chamada de atención mundial co obxectivo de concienciar á humanidade sobre os problemas xerados pola colosal cantidade de poboación ao límite xa da máxima capacidade soportábel polo planeta, a contaminación, a conservación da biodiversidade e outras preocupacións ambientais.


O lema escollido pola organización para este 2024 é “Planeta vs plásticos” orientado á procura de resaltar a cerna da loita crucial desta nosa época xeolóxica marcada pola influenza significativa das actividades humanas sobre este planeta que poboamos, isto é, a batalla contra a contaminación plástica. Sen dúbida algunha, en contra deses plásticos omnipresentes na nosa vida diaria, convertidos nunha ameaza insidiosa para os ecosistemas terrestres e mariños. A conveniencia a curto prazo que ofrecen estes materiais sintéticos vese eclipsada polas consecuencias a longo prazo: a degradación ambiental, a intoxicación da fauna e a perturbación dos hábitats naturais.


É hora de actuar. Non podemos seguir ignorando a crise do plástico. É necesario un cambio radical na nosa forma de producir e consumir. Debemos reducir drasticamente o uso de plásticos dun só uso, buscar alternativas sostibles e comprometernos coa reciclaxe a gran escala. Os gobernos teñen un papel fundamental que xogar. Deben promover e fomentar políticas que incentiven a produción e o consumo de produtos sostibles, establecer regulacións máis estritas para a xestión de residuos plásticos e apoiar a investigación de novas tecnoloxías de reciclaxe. As empresas deben repensar os seus modelos de negocio, reducir a súa pegada de plástico e ofrecer aos consumidores alternativas sostibles. Pero a acción individual tamén é crucial. Debemos reducir o noso consumo de plástico, elixir produtos sostibles, utilizar estes máis dunha vez e reciclar sempre que sexa posible e tamén unirnos ás iniciativas de limpeza e activismo ambiental.


A efeméride do Día da Terra Nai é un recordatorio de que o noso planeta é un ben precioso e finito. Non podemos seguir explotándoo sen consecuencias. É hora de tomar medidas urxentes para protexer o noso fogar e garantir un futuro sostible para as xeracións vindeiras. Rexeitemos o plástico e abracemos un futuro máis verde. Unámonos neste berro pola Terra.

 

O berro da Terra Nai

Te puede interesar