O calado dos océanos

Calado, como substantivo masculino, para o dicionario galego, RAG, é “distancia entre o fondo da quilla dunha embarcación e a superficie da auga”, e aínda moito máis a “distancia entre a superficie da auga e o fondo do mar, dun río” e de outras canles. Así e todo, non se aborda o termo “calado” apuntando á penetración e arraigamento de certos temas na conciencia colectiva, reflectindo a súa importancia e relevancia no discurso público; e dicir, á profunda influencia ou impacto que algo ten na opinión pública. Velaí a cuestión á hora de “espertar novas profundidades” no reto ambiental.


Vimos de celebrar o Día Mundial dos Océanos sabendo que nesta causa non é certo a sentenza do refrán  afirmando que “pasou o día, pasou a romaría”. Todo o contrario, nisto é advertencia de alarma, de alerta vermella pola situación de contaminación, especialmente pola presenza de plásticos, que está a afectar non só ao estado natural dos nosos océanos, senón tamén a súa biodiversidade e a saúde dos ecosistemas mariños. Plásticos que non só emporcallan as nosas praias e litoral marítimo, senón que tamén entran na cadea alimentaria, afectando a vida mariña e, potencialmente, á saúde humana. Ademais, o cambio climático está a provocar un aumento das temperaturas globais, causando así o acelerado desxeo dos polos e, coa auga sumada, o aumento do nivel do mar, ameazando as comunidades costeiras e alterando os patróns climáticos globais.


As cifras son alarmantes. Estímase que cada segundo vertemos ao mar uns douscentos quilogramos de plástico, o que supón unha ameaza enorme para o medio ambiente mariño. A situación require unha acción gobernamental  inmediata e sostida para reducir a contaminación por plásticos e abordar a mudanza climática innegábel.  Reducir o uso de plásticos de un só uso, reciclar de maneira responsable e apoiar políticas e iniciativas que protexan os nosos océanos son pasos vitais que se deben acelerar. A educación e a concienciación da xente sobre o impacto da contaminación por plásticos e o cambio climático é tamén fundamental para un cambio duradeiro.


O Día dos Océanos é un recordatorio permanente de que a protección dos nosos mares é unha responsabilidade compartida, de  institucións e cidadanía. Avisados pola ONU: “Non temos tempo para “ollos que non ven, corazón que non sente”. A nosa relación cos océanos ten que cambiar con urxencia, porque ata o momento os nosos esforzos non fixeron máis que rozar a superficie. Para motivar un impulso xeneralizado a favor dos océanos, necesitamos espertar novas profundidades”.

O calado dos océanos

Te puede interesar