O calar dos asesores

Asesores calados e millonarios, con salarios sen control e sen xeito. Están en circulación milleiros de asesores para un roto e para un descosido, asesores que traballan ás dúas mans e sempre nas proximidades do poder, nas ourelas do cadro de mando, no límite da legalidade ou directamente asentados nesa parcela que está do outro lado da fronteira, na discreta ilegalidade. Asesores de asesores e directivos que están ao pairo, sen saber a quen deben obedecer.


Propoñen unha asesora de imaxe e contratan a outros dous asesores para a asesora, sexa home ou sexa muller. Aos poucos días cómpre outra asesoría máis. Neste caso, que non sexa home nin muller. Unha asesoría que indique, en cada momento, cal é a linguaxe correcta, cal é a forma de quedar ben cos interlocutores, cales son as palabras que se escoitan e non din nada ou que dan a entender o contrario do que pensas e do que queres facer. Señor asesor, cales son esas palabras?


Un recoñecido xurista, ben sabedor das complexidades legais e amigo de comparecer periodicamente nos parladoiros radiofónicos, di que “o máis importante das normas legais é a súa interpretación”, poida que de tanto interpretar, queden sen lei aqueles que máis a precisan. Nese caso, os que mandan acudirían a un asesor ou asesora de comunicación, para enderezar a mensaxe e manter silencio continuado ata que o falar se poña do seu lado.


Antes de abrir a boca, un experto en estratexia achégase e orienta á vítima para que “pague e cale”. Non hai nada que facer, “todo está en contra de nós”- Hai que buscar un asesor financeiro e que fale, a peito descuberto, cos asesores fiscais e bancarios. Se non arranxan nada, como é probable, cómpre achegarse ao asesor político e interpretar a súa forma de mirar.


A cidadanía precisa asesores. Para pedir cita no ambulatorio son necesarios  os servizos do asesor técnico e de varios asesores en telemática. Ao volver, sería conveniente manter unha reunión co asesor de innovación de confianza, quen, a pesar do esforzo, será capaz de entender, máis ou menos, o que se reflicte no reducido informe médico. Aos asesores como di a Tía Manuela, “hai que tratalos, escoitalos e para comprendelos, poida que sexa necesario un asesor literario”.

O calar dos asesores

Te puede interesar