Calor ou frío e friaxe

Tremíanlle as pernas coa calor que facía naquela estación ferroviaria, onde non agardaba ninguén. Solitaria, sen alma, sen luz e sen vida. Aquela estación era como un apeadoiro cun reloxo máis grande dos normais, moito máis grade que calquera rexo de cociña e moitísimo máis grande que un grandísimo reloxo de pulseira, de home ou de muller. Alí estaba o viaxeiro suando á sombra, naquel instante, cando aínda non era de día e xa non era de noite.


O reloxo marcaba mal, ía como dúas ou tres horas atrasado e con ese mesmo retraso daba badaladas que non eran. Internet  tampouco funcionaba e a ninguén se lle podía preguntar nada. A estación era das novas, pero nada, de servizo á cidadanía, nada de nada. Pasa outro tren e non para. O seguinte, o terceiro, tamén segue de largo. “Vai para Madrid”, pensou o equivocado e acalorado pasaxeiro. E, de onde virá con esta velocidade que parece a dunha bala?


A don Pedro faltoulle agudeza ao falar da velocidade de economía. Se a comparación fose co tren de Ferrol, da Coruña, de Cerceda, de Vilagarcía, de Tui ou da Gudiña, ninguén podería rir como se riron daquel foguete. A vantaxe do tren, ao saber que non para e que non anda, é aínda maior e non dá para tanta mofa insolidaria, para tanta burla á cidadanía que non asenten.


Para outro día, ao pouco tempo, non era a calor a que molestaba, era un frío tan enorme que convertía o alento en placas de xeo. O pasaxeiro, abrigado cun abrigo de alta costura e forro de plumas, aguantou o tempo que poido e, ao ver que o tren non chegaba, volveu para a casa mergullado nunha inmensa friaxe. Ao chegar, quentou os pés e a alma, acendeu a televisión e escoitou a varias ministras, e a algún ministro, que saían, unha a unha, alardeando do seu bo facer e poñendo de relevo a importancia das comunicacións terrestres, “para a mobilidade da cidadanía, viva onde viva e vaia a onde vaia”.


Así tiña que ser! Pero, con isto de Renfe, as autoridades deberían andar con moito coidado, falar coa xente, mirar os horarios, pensar que son servidores públicos e alentar o progreso. Deberían prestar á cidadanía os servizos que merece e que lle ofertan. Deberían pensar en que Renfe ten que ser un servizo eficiente, como medio de transporte. Deberían renunciar á usura e non enganar a ninguén.


Sería conveniente que os trens, en calquera das súas modalidades, respectaran os horarios de saída e de chegada, que os directivos atenderan ao que teñen que atender e que evitaran tanta subcontrata, á que os usuarios pasan obrigatoriamente os seus datos persoas. Como di a Tía Manuela, “isto non hai quen o entenda”.

 

Calor ou frío e friaxe

Te puede interesar