Caótica harmonía

Antónimo, na lingüística, é expresión que ten un significado oposto. Velaí as palabras caos e harmonía. Caos, é mención á confusión e desorde absoluta, mesmo existente anterior á ordenación do mundo. Harmonía, alén á súa consideración musical, define a situación que se dá entre as persoas, gobernos ou entidades internacionais cando existe bo entendemento entre elas e solucionan as diferenzas, que poden ter, de común acordo e beneficio mutuo. É dicir, o estado que resulta cando entre os elementos dun conxunto nada desentoa e se forma un todo agradable. Aparentemente, todo o contrario do percibido na dinámica da política mundial actual cun fondo son de tambores de guerra.


Caso do conflito ruso-ucraíno, un tema de preocupación global, con implicacións que van máis aló das fronteiras dos contendentes. A posibilidade dunha escalada que involucre a máis países e, con ese falaz argumento, aumente o gasto militar é unha cuestión de debate entre políticos, medios e analistas coa diana na configuración dunha opinión pública cansa dos efectos no custo da súa vida que representou esta guerra até o momento. Algúns líderes europeos veñen teimando na extensión do conflito, pedindo incrementar os orzamento en defensa, unha postura claramente influenciada por intereses da industria do armamento, especialmente para o lucro da norteamericana.


A probabilidade dunha expansión bélica a gran escala é baixa, xa que implicaría un alto custo para todas as partes involucradas. As voces que avogan por un aumento do gasto militar están a responder máis a intereses particulares que a unha avaliación obxectiva do risco. 


Por iso, é  importante manter a calma, evitar caer na trampa do alarmismo. A posibilidade dunha extensión do conflito bélico é ínfima, e a escalada do gasto militar só beneficia a uns poucos mentres aumenta a tensión global. 


Pola contra, deberíase apostar pola diplomacia, a cooperación e o diálogo para atopar unha solución pacífica á situación. É vital manter unha mirada crítica diante da información que se difunde sobre o conflito. Evitar alarmismo e enfocarse en solucións pacíficas, xustas e sostibles para unha futura paz duradeira.
Con todo, lembremos que a teoría do caos é un concepto que se emprega en diversas materias científicas para referirse aos cambios que se producen nun sistema cando se rexistra unha variación nas súas condicións iniciais. Teoría asociada ao efecto bolboreta, advertindo que o simple voar dunha bolboreta nunha parte do mundo pode chegar a provocar un tsunami no outro extremo, polo que un pequeno acontecemento pode producir unha secuencia de sucesos encadeados cuxos resultados resultan imprevisibles. Coidado coa linguaxe. Non se debe tentar á sorte. Mellor é a caótica harmonía.

Caótica harmonía

Te puede interesar