Costureiras, a coser

Gañouse a verdadeira amizade da sogra facéndolle un mandil cada mes, doce pezas cada ano. Uns eran lisos e negros, outros eran claros e de cadros ou de raias verticais, de acordo con outras raias debuxadas nos petos en forma horizontal. Eran elegantes, tapaban a roupa de diario ou a de vestir e atábanse á cintura ou ao pescozo. A sogra ía co mandil á misa, á horta, ao souto, ao soto das patacas, tornar a auga ao prado ou á feira para vender os ovos. 


Ela non era costureira, pero facíao ben, moi ben. Cosía polas noites despois de atender ao traballo, ás vacas, aos cochos da ceba e tódalas cousas da casa, aos vellos da casa e aos meniños. Era guapa e de pelo negro,  disposta, afamada traballadora e a única do lugar capaz de ensinarlle a ler á numerosa cativada. 


Polas casas do lugar andaba traballando para fóra a costureira, unha modista mal pagada que cosía por encarga de noite e de día. Unha, igual que as outras, de casa en casa e de lugar en lugar, onde as chamaban e alí, cando menos, comían. Comían e aguantaban a miseria e as penurias daquelas épocas de escaseza. Despois de xantar, a costureira acompasaba o seu lento mover da man con aquel canto de “un ovo é un ovo... un ovo é un ovo...” ata que a ama da casa acordou de servirlle dous ovos á comida. Daquela, o canto e a man da costureira cambiaron de ritmo, “dous xa son dous ... dous xa son dous ...”,


Todas as costureiras eran ilustres aldeás, como Dosinda, comprometidas e rigorosas no traballo e no trato coa cidadanía. Actualmente no rural non hai nada para coser, non hai tea, non hai lenzo, non hai estopa nin máquina para levar na cabeza. Na cidade si, están as modistas cosendo nas súas casas, nos seus talleres de costura, de deseño e feitura. 


As costureiras destes tempos novos fan traxes como facían os alfaiates, os xastres de antes; cortan, cosen sen ganduxar e manexan o oficio con destreza e sabedoría, con profesionalidade e sen dedal. No taller faise roupa para as mulleres e para os homes. As máquinas de coser son de pé, de man e eléctricas; as tesoiras, as agullas e imperdibles son igual que sempre. Elas non. Elas son modernas deseñadoras que combinan as cores e os modelos para facer de novo ou para remendar o vello. 


Como di a Tía Manuela, “moito queda por arranxar e por coser” nesta sociedade rota por arriba e por abaixo, pola dereita e pola esquerda. Será cousa das costureiras? Ou “da dona que moito mira e pouco fía”. Será, será... Quen será aquela costureira que traballa, fai e desfai, corta e cose sen parar?

Costureiras, a coser

Te puede interesar