Crear un mañá sostible

Fronte da tendencia a simplificar e cualificar as pensións, nos titulares e parladoiros televisivos, meramente como un gasto, é importante recoñecer que estas, xunto con certas axudas sociais económicas, constitúen un dereito fundamental para a xustiza distributiva e forman parte esencial do ciclo de redistribución de ingresos. As persoas pensionistas invisten o seu diñeiro na economía local, non ocultan esta renda en sumidoiros financeiros ou paraísos fiscais. Este consumo non só beneficia aos individuos, senón que tamén estimula a actividade económica xeral, actuando como un poderoso incentivo na redistribución da riqueza e no fomento dunha sociedade máis equitativa.


Agora, nesa mesma consideración política, económica e social,  un estudo intitulado “Utilizar a renda básica (RBU) para crear un mañá sostible e sen pobreza” da universidade canadense British Columbia, liderado por Rashid Sumaila un prestixioso e destacado autor, enfócase no financiamento global da RBU mediante un imposto ao carbono, en liña cos esforzos mundiais para reducir as emisións deste tóxico ambiental e alcanzar obxectivos de sustentabilidade. Segundo este traballo científico, un imposto ao carbono podería xerar billóns de dólares anualmente, dependendo da súa escala. Proponse gravar aos emisores do dióxido de carbono, estragadores da biodiversidade, á pesca abusiva, á actividade que deforesta os bosques e fragas, á contaminación do plástico, ás verteduras de petróleo e sectores agrícolas para recadar os fondos necesarios. Os investigadores sosteñen que, aínda que poñer en funcionamento esta estratexia poida supoñer un investimento elevado no comezo, a longo prazo podería xerar un retorno económico significativo. Estiman que o gasto operativo do sistema podería alcanzar ata un terzo do Produto Interno Bruto global; con todo, o impacto positivo previsto é un incremento de máis do 130% no PIB da economía mundial.


No contexto español, o Ingreso Mínimo Vital representa un entrampado complexo repleto de obstáculos burocráticos, polo que non se alínea coa proposta presentada no estudo mencionado. O desafío reside en transformar o paradigma actual de asistencia social nun dereito cidadán básico e universal, garantindo así unha rede de seguridade económica para toda a xente. Esta transformación non só promovería unha sociedade máis equitativa, senón que tamén podería ser un motor de crecemento económico e innovación. A idea é unha visión audaz que busca redefinir o noso entendemento da economía, da sociedade e do papel do estado no benestar dos seus cidadáns. A medida que avanzamos cara a un futuro incerto, con desafíos globais como o cambio climático e a automatización, iniciativas como a RBU poden ofrecer unha nova perspectiva sobre como abordar as necesidades humanas fundamentais e fomentar un desenvolvemento sostible. 

Crear un mañá sostible

Te puede interesar