Creba na mobilidade social

A ruptura do contrato social tradicional é un fenómeno complexo que reflicte fondas transformacións económicas, sociais e culturais. Para comprender esta creba, é esencial analizar a evolución do modelo das categorías de clases desde a Revolución Industrial ata os nosos días, e como estes cambios afectaron á mobilidade social e á percepción do traballo e da seguridade económica.


Durante a Revolución Industrial, nas emerxentes sociedades capitalistas, a estrutura social simplificouse en tres grandes grupos e categorías: a aristocracia, a burguesía e o proletariado. Os dous primeiros concentran riqueza e poder en base a leis de mercado que perpetúan a propiedade privada e a desigualdade. Por iso, na visión analítica do marxismo, a explotación do proletariado evidencia o interese antagónico e xustifica a loita de clases a prol da igualdade e mudanza social.


Na medianía do pasado século, o panorama socioeconómico evolucionou. As políticas keynesianas, o chamado estado de benestar e o crecemento da economía fomentaron a expansión dunha considerada “clase media” próspera e numerosa. Este novo contrato social prometía estabilidade e progreso, asegurando que o esforzo e a formación académica permitisen ás persoas ascender na escala social, sinalado coa metáfora de “ascensor social”. Esta clase nova converteuse no piar do crecemento económico, con acceso á vivenda, á educación e ao emprego estable, diferenciándose das clases baixas pola súa capacidade de consumo e a súa expectativa de mobilidade ascendente.


Con todo, nas últimas décadas, este contrato social desintegrouse. O “ascensor social” ten avaría irreparábel. A globalización, a desindustrialización e a revolución dixital, e moito máis as negativas políticas económicas dos gobernos, sometidas ao interese dos grandes negocios, transformaron radicalmente o mundo laboral. A masiva situación precaria do emprego, mesmo entre aqueles con formación universitaria, socavou a estabilidade económica que caracterizaba á clase media. Hoxe en día, moitos traballos están asociados co Salario Mínimo (SMI), e a seguridade laboral é cada vez máis rara. Este fenómeno deu lugar á precariedade, conformando nesa categoría unha nova clase emerxente, a xeito de proletariado 2.0, caracterizada pola inseguridade laboral, baixos salarios e falta de perspectivas de mobilidade social.  A proliferación de empregos temporais, a “gig economy” e a erosión dos dereitos laborais teñen creada unha barreira infranqueábel á hora de atopar traballos estables e ben remunerados. E dicir, un traballo digno.  A promesa de que o esforzo e a educación garantirían unha vida mellor escachou, provocando frustración e desilusión en millóns de persoas.


Alén da falsa percepción que se indica nas sondaxes e do altofalante das voceiras gobernamentais, unha cousa está clara: os ricos fanse cada vez máis ricos, e a pobreza esténdese e xa non só é cuestión de diñeiro, pesa e moito dispor de casa propia. Na escaleira social, agora vaise cara abaixo.

Creba na mobilidade social

Te puede interesar