Da paciencia

A complexidade das vidas que vivimos fan precisas grandes doses de paciencia. Non é exactamente unha virtude, no senso clásico das Teologais e as Cardinais, pero se lles asemella con notable parecido. Seguro que tería doado acomodo naquilo da Prudencia, Xustiza, Fortaleza e Temperanza. É acumulativa, formando estratos de grosor variable segundo a formación e o carácter, que facilitan o desempeño destas ferramentas da vontade e do espírito. Pero é demostrable que a paciencia diminúe cos anos, e acaba por adoptar formatos diferentes que teñen que ver coa perda da capacidade de conciliación, o disimulo e outras empatías. Finalmente, remata por provocar urticaria e irritacións de intensidades diversas en función de quen, e de onde veñan os tiros. Un deles é a manifesta hostilidade dunha parte da sociedade contra a Política, á quen culpan de todos os seus males, crebas, impericias e contradicións. Pretenden ignorar que a Política, e o equilibrio das maiorías e minorías, é a garante da convivencia, e que calquera outra opción sería unha imposición intolerable. Tamén que a ideoloxía importa. Este sería un segundo elemento irritante cal roce intencionado dunha medusa carabela. Nas redes, nos medios e nas liñas convencionais da tradición oral, asistimos a ataques, insultos, desprezos e manipulacións contra o Goberno e a esquerda, que exceden a cortesía, deixan curto ao mal gusto e superan todos os límites imaxinables. E cando alguén fai unha observación polos excesos, sempre se desculpan con que son bromas, que hai que saber aguantar, ou ti es moi político... Piden respecto pero practican a descualificación ideolóxica. Defenden a convivencia, pero sempre que coincida co seu formato de raza, cor, orixe e orientación sexual. E fan da tolerancia, un remix particularmente adaptado aos límites predefinidos da súa conveniencia.


O presente é unha memoria feble –dixo El– como a tristeza do mar nun inverno. Vivir é saberte habitando a plenitude dun recordo...

Da paciencia

Te puede interesar