E n algún momento, que non lembro, alguén pensou que substituír o debate pola crispación e o diálogo pola broca permanente, daba máis votos e colocaba nunha posición de superioridade moral a quen berraba máis e razoaba moito menos. A palabra deixou de usarse e o exabrupto, plasmado nun slogan para ser consumido con facilidade, ocupou o seu lugar. Dende ese mesmo instante, no que se asentou ese credo insoportable, a escalada continuada do insulto e da crispación consubstancial a ela, medrou exponencialmente. E coma nun asombroso efecto contaxio, a tensión innecesaria pasou a formar parte da vida cotiá. Pasou a repetirse no Congreso, nos Parlamentos, nos programas de debate, e ata nas liturxias de tertulianos de calquera cadea e condición. Asistimos a espectáculos bochornosos de insultos e burdas manipulacións da historia, aplicando soflamas incendiarias, máis semellantes ás grandes traxedias gregas que á realidade da vida e dos problemas que nos tocou vivir. A dereita máis rancia e os populismos extremistas, semellaran estar formados en cursiños acelerados de manexo e montaxe de estratexias de crispación. Versionan con visceralidade e amplo aceiro ao modo de Trump, termos para atacar ao Goberno Socialista, tentando deslexitimar o seu triunfo, cuestionar o seu dereito e procurando menoscabar a súa autoridade. E aplican o aprendido, sen rubor nin vergoña, en calquera formato e horarios protexidos. Desbotaron a oratoria e afiaron os insultos, e sempre coa ameaza permanente ao estilo dos matóns malencarados dos baixos fondos das películas de serie B. Merecémonos máis esforzo de conciliación e menos dese ruído altisonante que deixa atrás –por que non lles interesa para os seus fins– a verdade e a explicación pausada e razoada das tomas de posición. O único latexo esencial da Política, é a mellora da convivencia. Ser útil aos cidadáns é o seu primeiro e único mandamento.Estás onde a íntima emoción conmovida, traza arcos de agradecida eternidade...