Das vidas habitadas

Sabemos que vivimos moitas vidas nunha vida. Experiencias que forxaron o noso espírito e a nosa maneira de ser, de sentir e de posicionarnos no mundo. Somos froito da multicausalidade e da formación esforzada na que os nosos pais confiaron, para procurarnos futuros mellores. Fomos aprendendo a vivir explorando motivacións e coñecemento cada día e, felizmente, a pesar do tempo transcorrido, descubrimos que aínda nos asombran moitas cousas. Seguimos afiando as ferramentas da capacidade e do criterio, coas que descubrimos que  segue habendo pillos, manipuladores, argalleiros e lobos interesados que falan agochados baixo peles de cordeiro. A pesar das innovacións e as tecnoloxías, e de vivir tempos de conservadurismos rancios e populistas, o credo segue a ser a liberdade, a defensa da igualdade e avanzar xuntos para chegar máis lonxe. Ás veces, é inevitable sentir que moitos tempos van quedando atrás, fóra dos círculos sagrados que foron o leitmotiv dos nosos empeños, esforzos e  entrega ás mil causas que encheron de paixóns e loitas a nosa vida. Non se trata de exclusións, supoño que todo está relacionado con aquilo do movemento e da enerxía cinética, que acaba por sacarte da trazada na que o mundo continúa a velocidade constante. Sentimos o zarpazo da ambivalencia de celebrar a ledicia polos éxitos dos que amamos, e a tristeza de sabernos alleos e lonxanos. Acumulamos feridas variadas de frontes diversos e sabemos que algunhas delas, nunca poderán pecharse. Temos gardada dor por riba das nosas posibilidades e para poder respirar, acumulamos os historiais en estratos que recollen as haxiografías elementais e os diplomas enmarcados de méritos efémeros. Compartimos traxectos con persoas que serán para sempre fibra vigorosa da nosa musculatura vital e emocional. En todas as viaxes acumulamos memoria. A propia memoria sempre foi a maior das viaxes.
 

Nuncan haberá silencios no que ti non habites. Sempre serás a brisa que abraza e acariña...

Das vidas habitadas

Te puede interesar