Ninguén pon nin se puxo nunca en dúbida a importancia das matemáticas para coñecer o que pasa en distintas ordes da vida, na casa e fóra dela, na saúde, na medicina, na música e na literatura ou na economía das familias e dos estados. Son necesarias ou imprescindibles para entender o que ocorre ao redor da xente e da vida. A súa aplicación, aínda sen sabelo, é conveniente para a análise da contorna, para pescudar, estudar e coñecer fenómenos biolóxicos, para facer previsións en distintos eidos, incluídos aqueles vencellados directamente co andar e a identidade das persoas.
Nestes tempos das chaves informáticas e contrasinais para todo, a biometría, aplicación da estatística á análise de datos e fenómenos biolóxicos, é un magnífico recurso para indicarlle á máquina que es ti mesmo e non un falso ti. Da lectura e análise do iris, esa membrana circular do ollo, situada entre a córnea e o cristalino, pódense obter datos que identifiquen a unha persoa e que a diferencien de calquera outra.
Segundo os investigadores, o iris é, entre os diferentes datos biométricos, o que identifica con maior precisión a unha persoa. David Arroyo, do grupo de Ciberseguridade e Protección da Privacidade do CSIC, asevera que “se lle rouban o iris, ou mellor dito, o modelo alfanumérico co que se almacena ese trazo biométrico, poden suplantar a súa identidade en moitos lugares”. Os sistemas biométricos e o tratamento dos datos persoais obtidos a partir dos mesmos están evolucionando con enorme rapidez e obrigan a reforzar os mecanismos de protección.
Así, a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) elaborou e publicou, a finais de 2023, unha “Guía de tratamento e control de presencia mediante sistemas biométricos” observando a necesidade de xestionar correctamente os riscos para os dereitos e liberdades dos interesados.
Cando a tecnoloxía é quen de escanear o pensamento das persoas, o falar da mirada de cada unha delas, as profundas dores de cada peito e, mesmo, o palpitar dos corazóns que van tirando ao ritmo do marcapasos, non se poden negar os seus avances e non se poden poñer límites ao desenvolvemento, que probablemente sexa maior cada vez que se fixe a mirada, aínda que sexa con pudor.
Diante destes modos de identificación, poñendo na pantalla do ordenar a mirada, o sentir da alma e da perna mala, a identidade acreditada polo carné recentemente renovado ou polo pasaporte plastificado ten un valor relativamente inferior. A estatística e a tecnoloxía sábeno ben e os cidadáns normais, os de traballo e salario, como di a Tía Manuela, “levan gravada no iris a cor dos ollos e a bonhomía da xente de ben”. É suficiente!