Ao longo da historia, as sociedades transformaron as relacións sociais mediante revolucións ou mediante un uso ponderado da política, as ideoloxías e da aprobación de leis que foron piares dos cambios das mentalidades e das sociedades. Ás veces non somos conscientes do que significa ter nacido nun país ou nunha sociedade, como a deste mundo occidental ao que pertencemos. Xa non é tema de economía, de desenvolvemento, de infraestruturas ou de investigación.
É cuestión do longo camiño recorrido no recoñecemento de Dereitos e na Igualdade. Temos unha importante carta de dereitos acadados, máis os de última xeración que naceron na presente lexislatura, que acabamos esquecendo que houbo que arrincalos, que costou moito logralos e que hai que seguir coidando e respectando, para non ver modificado ningún deles no futuro. Asentados na comodidade das sociedades do benestar, asistimos como con distancia e case cun papel de mero observador, a unha situación dramática. Hai excesivos países no mundo onde nacer muller é garantía de dificultade e sufrimento. Países onde a desigualdade é unha norma legal e relixiosa, e cada nova regulamentación que ve a luz, vai sempre en detrimento de esa metade da poboación que vive no silencio e na negación dos dereitos máis básicos.
Non podo evitar sentir fondos impactos, ante a agresividade das imaxes da negación absoluta da muller - sen rostro nin formas- de agochala, negarlle acceso á formación e de silenciala ata practicamente facela desaparecer.
É un tema de xustiza e de igualdade de oportunidades. Semellamos cansos. Repetimos ata a saciedade palabras que, a forza de tanto usalas como comodín ou recurso, acabamos por baleiralas do seu contido verdadeiro. Precisamos do compromiso e dos valores da Política, para seguir modificando oprobios, garantindo dereitos e implantado igualdade. É tempo de Política. Só a Política ten vocación de eternidade.
Sempre estás onde a emoción e a tenrura me convocan...