Para desfrutar dela

As festas de verán en Galicia son ledicia, festa, música e baile, verbena e fartura. Pola mañá é outra cousa, os traballadores teñen que respectar o horario e andar dereitiños cara ao lugar do traballo. Ou cara ao ordenador que espera coa lámpada acendida e co disco duro abarrotado de mensaxes, moitas delas coa intención de confundir. Ou, os labregos teñen que ir correndo para muxir as vacas e acariñar a horta que plantaron. 


As festas de verán axudan a colorear esta terra de grises, antes labrega e mariñeira, agora solitaria e co rural acabado, enlodado co bulleiro que achegan as mentiras, veñan de onde veñan, aínda que sexa das alturas gobernamentais, parlamentarias ou xudiciais. As mentiras e a burocracia, se actúan conxuntamente, constrúen un lamazal por onde a xente normal e corrente non pode andar.


Pero, amigos lectores, queríamos falar de festas, para desfrutar da música, da compañía, do bo xantar, das tradicións e da natureza. As orquestras recorren Galicia e achéganse a cada lugar, do litoral ou do interior, con eses monstruosos palcos robotizados, nos que músicos e cantantes (maioritariamente mulleres), cos seus instrumentos de corda, de vento ou de percusión fan das tardes “tardes de gloria”, que nos achegan ás noites sen présa, onde seguimos sen apuro de ir para a casa.


As festas son tamén un atractivo turístico, un espazo para o negocio, para a troula e a esmorga. En Galicia hai quince recoñecidas polo Ministerio de Industria e Turismo como “festas de interese turístico internacional”, pola súa antigüidade, arraigamento, participación cidadá, orixinalidade e diversidade. 


A primeira destas festas é a de Santiago de Compostela, despois vén a Romaría Viquinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo, o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, a Arribada da Carabela Pinta a Baiona, as Fogueiras de San Xoán na Coruña, a Festa do viño Albariño de Cambados, o Entroido de Xinzo de Limia, o Cocido de Lalín, a Festa do Pulpo do Carballiño, a da Lamprea de Arbo e a de Arde Lucus, de Lugo.


Estas e outras foron declaradas pola Xunta como “festas de interese turístico de Galicia”. Ben está, xa que como di a Tía Manuela, “a festa é moi boa para desfrutar dela”. Que sería Galicia sen as festas? Todas iguais e singulares cada unha delas; moitas no verán, pero tamén no inverno, na primavera e no outono, cando cae a folla, cando unha parte importante do verde se torna nese marrón tan agradable que, ao mesturarse co azul do ceo, aporta un colorido especial e de grande fermosura.


Viaxar por Galicia é unha ledicia, en calquera época do ano, e moito máis se vas de festa en festa e de aquí ao outro lado. Parabéns para todos vostedes, para os que fan as festas, para os que desfrutan da música e andan nelas.
 

Para desfrutar dela

Te puede interesar