Do azar

s dias, ademais de ter o seu afán, teñen cada un o seu misterio. Sabemos como empezan, pero nunca como rematan. Afectados pola globalidade do azar, e pola individualidade da sorte, os días comparten a estratexia dos Kinder, é dicir, gardando un descoñecido regalo sorpresa no seu interior. Calquera incidencia, por nimia que sexa, pode deparar xiros de guión que muden completamente a película. Dun posible chocolate con churros, a ter que chamar unha ambulancia para ingresar no hospital, son o recurrente pan noso de cada día. A sorte é un incendio incontrolado; unha treboada que ten unha marxe de manobra variable. O azar, unha sucesión de acasos que poden enaltecer e abrillantar a existencia ou degradar, de xeito inesperado, os acontecementos. Sempre sucede,  descoñecemos que vivimos nunha situación de mera interinidade. Ademais, nunca valoramos adecuadamente, o papel que xoga a insistente volatilidade do efémero.  A ecuación do  espazo adecuado sumado ao do tempo oportuno, segue sendo igual a cero. E por iso, ou como consecuencia,   programamos as actividades ao milímetro, fixamos as portas de acceso e de saída, definimos os descansos, pero desdeñamos a influencia dos ventos do azar, negando así gran parte das sinerxias que guían as nosas vidas. Non somos os únicos actores dos nosos destinos. Imponderables de diverso pelaxe e calibre, condicionan a nosa capacidade de decisión, así como a articulación efectiva e razoada do noso argumentario. Non é cuestión de xénero ou de número. Son sólidas cuestións de vida que, a meirande parte das veces, motivan sincronías. Coñecerte foi como a palanca de Arquímedes, o punto de apoio que fixo posible mover o mundo. Non estaba programado, pero sucedeu. Ás veces, a realidade viste de súper heroe e iluminada polo sol dos días festivos, a suma de azar, sorte, destino e días felices, camiñan indefectiblemente xuntos.


Pensarte é unha bóveda perfecta de sentidos.

 

Do azar

Te puede interesar