Do equilibrio

Empeza un ano que, como con todas as cousas que se inician, ten a virtude de aportar esperanza. Unha expectativa de mellora nas nosas vidas e nas nosas condicións de vida e de fortuna. Son tempos difíciles, que cargan coas problemáticas derivadas das crises e desa ruleta rusa, dunha economía que non entende de humanidade, nin das diversas derivas persoais que sofren as familias. Un ano que se inicia con tempos de choivas excesivas, que nos mantén tras os cristais, coma contaba Machado, contemplando dende a distancia, como pasan os días. Dende a positividade, sabemos que desta forma xa temos resolto o problema da seca, que tan forte nos atacara no pasado ano. Pero xa precisamos de alternativas diferentes e de apostas por realidades diferentes, para poder superar tempos complexos, Postos a pedir, aposto pola mesura do equilibrio e do sentido común. Necesitamos accións que devolvan o equilibrio ás sociedades. Apostar por políticas que teñan no centro e centro da súa planificación, á cidadanía e ós seus conflitos vitais. E obviamente, partidos políticos que saiban entender a importancia de estar á altura. Que deixen de manipular a realidade, para intentar deslexitimar a un goberno que, pese a quen pese, resolve, actúa e lidera en Europa. Un equilibrio simple que non nos leve novamente, a aquela famosa doutrina de Miro Pereira na serie de Pratos Combinados: ou faltan botóns ou sobran buratos. Asistimos a ameazas desmedidas de ultraconservadores en todo o mundo; a unha guerra que non ten data de caducidade e a crises enerxéticas con alzas de prezos en todos os sectores da economía, que afecta directamente ás nosas vidas. Precisamos un ano cheo de equilibrio. Despois diso, que os deuses da fortuna repartan atinadamente a sorte que precisamos, para construírnos mellores e felices.
Estás na simplicidade equilibrada dun arco. Na fondura emocionada dun silencio, que fala sempre de ti...
 

Do equilibrio

Te puede interesar