Do lado do amo

Ía correndo por detrás daquela cancela que antes non puidera abrir. Corría cara abaixo e, despois, cara arriba, subía ata a ourela da leira e daba a volta correndo ata que chegaba ao río. Era un individuo, un fulano ben vestido, ben calzado e ben delgado, pero non podía abrir a cancela do eido onde moraba. Estaba só de noite e de día, falaba consigo mesmo e, de cando en vez, saían da súa boca enormes improperios. 


Xa que, “isto non pode seguir así”, dicía ou, máis ben, berraba para que lle escoitara o mundo enteiro e toda a xente do mundo. 
Non pode seguir así e non hai quen o remedie. Mentres uns avanzan, outros retroceden e non se alcanza o equilibrio. A el molestáballe enormemente a indiferenza e a apatía dos que vía pasar, tanto ou máis que a mirada daqueles que recoñecían que o primordial para eles era a defensa dos intereses materiais. 


Estaba absolutamente convencido de que era un deses, como o filósofo alemán Friedrich Engels, do materialismo histórico, no que as persoas están atadas á realidade social, que vai modelando o seu ser. Corría sen parar e, ás veces, rodáballe pola cabeza a idea de que o mellor era non ser, non cavilar, non escoitar e non mirar. 


Deixarse levar pola avaricia dos que queren gobernalo todo e facelo ao seu xeito, con razón ou sen ela.


A cancela daquela leira inmensa seguía fechada e alí non entraba ninguén. O noso amigo vivía cun par de cadelos, un deles, o máis grade e de cor negra, era Morito, un can de raza, un amigo do seu amo. O outro, máis pequeneiro, de nome Cantor, tamén era de raza. 


Era un can ovelleiro, deses de fidelidade total e, ao parecer, cunha intelixencia superior á da maioría dos cadelos.


O tempo pasaba, chegaba o inverno e a cancela, no mesmo. Ninguén se atrevía a abaleala. Era como un sinal chantado para dicirlle á xente que aquel home estaba encerrado, pechado cos cans que o gardaban e os únicos cos que falaba. Estaban todos agardando que se presentara a ocasión para dar un paso, pero quen será o primeiro?


Non se sabe! Quen queira que sexa, será criticado polos outros e poida que mordido polos cadelos que, como di a Tía Manuela, “aínda que diga moitos improperios, sempre se poñen do lado do amo”. 


En calquera caso, o procedente é que as actuacións dos humanos, onde queira que estean e sexa como queira que sexa a situación adversa, non se deben guiar pola xenreira. Ao contrario, cómpre fuxir da ira, da cólera e da hidrofobia. 

Do lado do amo

Te puede interesar