Encontro consigo e cos amigos

Víronse no medio do mar e o mar estaba por medio, como sinalan moitos documentos notariais ao describir os lindes das leiras galegas do Norte, desas terras amparadas polo Atlántico e abrazadas ao Cantábrico de auga quente, a máis quente dos mares que nos rodean. Víronse no traxecto de ida ou de volta e falaron, entendéronse e acordaron. A conclusión foi que Galicia, Inglaterra e Irlanda poden bicarse bicando ao mar. Son limítrofes, mar por medio.


E, en Ribadeo, seguen co seu brío aquelas xornadas, Mar por Medio, impulsadas, naquel tempo, por Eduardo Gutiérrez e John Rutherford, os dous recordados e aludidos este mesmo ano, cando se celebraron a XIX edición, polo alcalde actual de Ribadeo, Daniel Vega. Agora, xunto co Concello, a Academia Xacobea é quen promove a iniciativa e divulga os valores do Camiño de Santiago.


As Xornadas teñen a sede en Ribadeo, pero son as xornadas de Mar por Medio, de aquí e de acolá, da Galicia costeira e mariñeira e da Galicia do interior, da montaña e da chaira. E son, tamén, para os peregrinos, para todos os que andan polos camiños de andar, do saber e do aprender. Por calquera das rutas do Camiño de Santiago.  


As Xornadas Mar por Medio, neste ano 2024, reuniron en Ribadeo a autoridades políticas e académicas, o reitor de Santiago e o exreitor de Oviedo; catedráticos e profesores das dúas universidades, das universidades de A Coruña, de León e de Vigo; expertos e estudosos do Camiño de Santiago, xornalistas, filósofos, lingüistas, homes da igrexa, músicos, arquitectos, veciños de Ribadeo e da Mariña.


Tamén estivo presente, moi presente, a memoria de Elías Valiña, o cura do Cebreiro dende 1959 ata o seu pasamento en 1989. Un cura e investigador ao servizo do Camiño de Santiago e do desenvolvemento ecolóxico, económico, pedagóxico, educativo, cultural e social do entorno e de Galicia.


Pola beira e polo medio do mar camiñan os peregrinos. Veñan de onde veñan, por calquera ruta que sexa, seguen ata Compostela e como di Novoneyra, “en chegando a Santiago / e logo despois que fago? ...”. Ao parecer a maioría, aínda ben non chegan á entrada de Santiago, xa pensan na próxima peregrinación para encontrarse consigo e cos amigos.


Felicidades para todos os que organizan encontros xacobeos e para todas aquelas persoas que peregrinan! Permítannos que lles contemos unha cousa: o vindeiro día once de decembro é o cabodano de Elías Valiña e, con tal motivo, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), que preside Xosé María García Palmeiro; a familia do crego do Cebreiro, os seus amigos, Frei Paco, o párroco do Cebreiro; os alcaldes da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño de Santiago e, mesmamente, a Tía Manuela, queren conmemorar esta data cunha semana de actos, el Lugo, en Santiago de Compostela, en Sarria e en O Cebreiro. Amigas e amigos lectores, falamos!

Encontro consigo e cos amigos

Te puede interesar