Estudos antroponímicos

O outro día pedimos prestado na Biblioteca da Universidade de Santiago, concretamente na da Facultade de Xeografía e Historia, un libro editado por esta Universidade, conxuntamente coa de Valladolid (1995) titulado “Antroponimia e sociedade, Sistemas de identificación hispano-cristiáns nos séculos IX a XIII”. Unha marabilla reler e aprender estas cousas. Un dos artigos deste libro, da autoría dos profesores Marta González Vázquez e Francisco J. Pérez Rodríguez, céntrase no sistema antroponímico de Galicia, baseándose no Tumbo do Mosteiro de Samos, esa importante colección documental que tanto axuda ao estudo das formas antroponímicas de Idade Media galega.


O Tumbo de Samos está custodiado e formando parte das xoias bibliográficas da Universidade, dende os primeiros anos da década dos oitenta do século pasado. O científico Manuel Lucas Álvarez  fixo a súa transcrición e publicación en 1986. O meritorio traballo do historiador está aí, para dar luz do que foi aquela época (séculos IX e XIII) en Galicia, cando Galicia era outra cousa.


Entre os integrantes da nobreza e dos clérigos, segundo os investigadores, repetíanse os nomes de tal mareira que era difícil a identificación dos individuos. A pesar disto, as formas antroponímicas máis simples eran as dominantes nos documentos recompilados no Tumbo. O cambio deste sistema simple a unha forma antroponímica máis complexa chega coa segunda metade do século XI. 


No século IX os nomes repartíanse equitativamente entre os de orixe xermánica e de orixe latina e, xa no século X, aparecen os nomes de orixe cristiá, que seguen aumentando nos dous séculos seguintes. Petrus, Pelagius e Iohannes eran nomes de moda, segundo indica Elixio Rivas, no seu “Onomástica persoal no noroeste hispano” (1991).


Daquela, na Galicia medieval, xa había sobrenomes ou alcumes e moitos deles, segundo indica a investigadora Rosario Soto, foron herdados e foron a orixe de apelidos actuais, como Amigo, Calvo, Ferreiro ou Pardo, por poñer algún exemplo. Así, atopámonos con moitos dos nosos apelidos de longa historia e moito uso ao longo dos tempos. 


O de Samos e o de San Pedro de Rocas son, probablemente,  os Mosteiros máis antigos de Galicia, do século VI, cando os monxes aínda eran anacoretas e, a partir daquela,  os mosteiros xogaron papeis moi importantes, de formación, de realce cultural e de transmisión de saberes. Moitos deles teñen a súa actividade documentada, escrita nos seus tumbos. O de Sobrado dos Monxes, o de Celanova e o de Samos dan razón e veracidade ao que falamos. Seguimos, pois, como recorda a tía Manuela, “a Deus rogando e co mazo dando”, sacando consecuencias dos estudos  antroponímicos.

Estudos antroponímicos

Te puede interesar