Acobaia ou coello de indias é un dos animais máis frecuentes como mascota nos fogares onde hai nenos. Comparte o leite dos meniños como se fose un irmán ou o cadelo da irmá maior. Segundo datos da Asociación Nacional de Fabricantes de Alimentos para Animais de Compañía (Anfaac), en España hai máis de trinta millóns de mascotas. A maioría delas son cans, pero hai que mantelas, coidalas e quererlles a todas, para que todas teñan “asegurada unha alimentación de calidade, con alimentos variados e apetecibles”, para que poidan lograr unha vida longa e saudable.
Hai que quererlles ao can e ao gato, aos peixes de cores, aos canarios e aos loros, igual que ás tartarugas, serpentes e lagartos verdosos. Hai que quererlles e aloumiñar aos furóns cheirentos, anden por onde anden. Cada un destes animais forma parte dunha familia. O can de Remedios era tan importante para ela como calquera dos xemelgos.
Era ela, Remedios, moi relixiosa e rezadora. A iso da media tarde saía da casa co carriño dos meniños, cos nenos e con Fito, o can adoptado uns meses despois de naceren os seus fillos, Roi e Campurro. No carriño ía un dos pícaros e o can ben tapado. O outro neno ía andando agarrado ao fondo da súa saia de satén apertada e curta. Ían os catro dereitiños á chocolatería da esquina, mesmo diante da porta da igrexa de don Xenaro.
Despois da merenda, os catro para a misa e a falar co crego do bautizo. Pretendía bautizar aos tres na mesma cerimonia, coa mesma festa e os mesmos padriños. Don Xenaro non quería. –Mire, dona Remedios, o can é un can e xa ten nome e chapa na orella, dixo o párroco, e aos nenos bautizámolos canto antes mellor.
Como se estivese enfadada, ao rematar a misa, Remedios saíu da igrexa cos dous nenos no seu carriño e con Fito no colo. Parouse diante da comisaría, sentouse no banco de sempre e, como sempre, púxoos a mamar nas súas tetas e, cando lle pareceu, deitou aos tres apertados no carriño. “Son os tres irmáns, diga o cura o que queira. Ese Xenaro –prosigue a nai no seu incomprensible soliloquio– quere romper a nosa familia. É un animal!”
Ao día seguinte xuntáronse na praza centos de persoas en “protesta fundada polo proceder de don Xenaro”. A Tía Manuela non dá creto e insiste: “A estupidez debe ser incompatible co sentido común”.