O forno de leña

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moi cerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. De cada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía ao cocer, antes de que estivera balorento e non servira para comer. Son moitas as lembranzas do pan do forno de leña, son algunhas das sinais de identidade da vida comunitaria nesta Galicia do rural abandonada.


Abandonada, si señor! Só queda a lembranza, o recordo e a memoria enteira. Por pouco tempo, por certo. A leña seca de carballo era a mellor, pero agora non a queren. Andan buscando a calor baixo da terra ou apareando o aire para aerotermia, para quentar ou non, conforme aos ditados da sustentabilidade.


O forno de leña era da época do arado romano, aquel arado arador, coas súa abeacas, coa rella de ferro cravada, co seu temón e, na punta, a chavella; coa rabela agarrada e coa arada grande para faenar, labrar e escoitar o canto do merlo e aquela pueril cantiga da navalla e o aradiño de pau.


Do arado de pao ao tractor coa cabina preparada para escoitar ao mundo falar e para comunicarse por tódolos medios, a través das redes sociais, da telemática e da Intelixencia Artificial. Un tractor valente para arar, para carretar e pasear. O seu dono sentábase e acomodábase naquela cabina acristalada, diante da xente que traballaba.


Os tempos pasados xa se foron e agora, que nos queda? A humanidade toda está aí. Aí están os homes e mulleres, coas súas diferencias e as múltiples similitudes, coa súa igualdade  e a súa bonhomía. Non hai pan de forno de leña, non hai leña e nos fornos chove. A leña non quenta, está na árbore sen cortar, medrando por medrar. Somos dependentes, dí a Tía Manuela. Temos que abastecernos dos mercados internacionais, quentar a casa coa calor que vén de fóra, comprar os tractores, as bicicleta e os coches que oferta o mercado, de fóra.  


Aquí queda e darémoslle cabida ao que nos traen de fóra. Poida que, se é necesario, veñan cun pan cocido en forno de leña. Todos os humanos, os homes, as mulleres, os nenos, as nenas, vellos e vellas, comerán pan centeo con sabor a pan da casa, con graxa da matanza da casa e con viño das bodegas do Bierzo ou de calquera país.

 

O forno de leña

Te puede interesar