Producida pola Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 21-22, a sede de Afundación ofrece a mostra “Galicia futura. Todo o que imos ser”, na que se fai un amplo e poliédrico percorrido por campos da nosa cultura, facendo especial fincapé na relación entre ciencia e arte, entre tecnoloxía e creatividade. Partindo de aspectos do pasado e do traballo que están a facer actualmente creadores e investigadores ou grupos empresariais, trata de mostrar as estratexias que están a configurar o porvir de Galicia. Comisariada por Débora García Bello ( A Coruña, 1984), química centrada na investigación de materiais aplicados a arte, e por Miguel Ángel Cajigal ( A Coruña, 1981), historiador de arte, o proxecto contou ademáis cun comité de 19 colaboradores, entre os que se atopan artistas e científicos de talento.
Ábrese a mostra coa instalación “Campo de figos” de Marta Pazos, na que, nun espazo pechado de cor violácea, coas paredes sementadas de figos que lembran vaxinas,, propón que a figura mítica das meigas sexa resignificada como icona femenina. O vídeo poema “Neuronas a ceo aberto”, de Estíbaliz Espinosa” establece paralelos entre as infinitudes estelares e as das nosas neuronas. “Constelación Maruja que muta noutras” de Miguel Robledo ofrece dúas variantes das famosas efixies de Maruja Mallo. As fotos “Boca do inferno” de Damián Ucieda queren achegar o noso xeito de habitar a paisaxe, Chistian García co seu cadro “Grime II” busca transmitir as pegadas do legado xeolóxico. A instalación “O rapto da paisaxe” de Caxigueiro, formada por pequenas casiñas grises de formigón, pon o acento na forma de dispersión poblacional, tan de noso. Un chisco ao magno proxecto de Sargadelos é a peza “Ramo vermello” de Luis Seoane. Unha montaxe sobre a moda de Galicia, vai dende as antigas fiadas e costureiras e do liño ás modernas fibras e ás coñecidas firmas actuais: Verino, A. Domínguez, Inditex. Non podía faltar a “Góndola de productos galegos”, colocados en forma de estantería circular ou en vitrina, a maneira de ready made. “Peliqueiros” de Chelo Matesanz é un gran patchwork feito de retallos de telas que, de xeito un tanto pop, reflicte a ancestral tradición do noso antroido. Unhas pandeiretas falan da singularidade da nosa música popular. A relación entre arquitectura e paisaxe é recollida no audivisual “Paisaxe habitado” de Juan Leste, e que atopa unha réplica nas abstraccións xeométricas de Víctor Mejuto. A investigación no terreo dos materiais: cunchas, areas, madeiras, polímeros etc, así como a impresión dixital é recollida en tres vitrinas. Descubrimos que Galicia é lider internacional en xenómica e que ten en Ángel Carracedo e Antonio Figueras a dúas figuras punteiras; tamén se mostra a diversidade xenética do noso mexillón. Carteis, fotos, instalacións, cadros e audiovisuais,como o de Oliver Laxe sobre Os Ancares, etc completan a mostra.Un gran mural de Manuel Vázquez recolle por medio de textos, fotos, diagramas, mapas... todas as ideas dese fermento que é GALICIA FUTURA.