Igualdade e dignidade

Amoitos dos que andan polas alturas da función ou da acción política gústalles falar do respecto á vontade popular, á que a mesma Constitución de 1978 alude no seu Preámbulo, cando fala de “consolidar un Estado de Dereito que asegure o imperio da lei como expresión da vontade popular”. No seu artigo seis tamén se fai alusión ao papel dos partidos políticos, que “expresan o pluralismo político e contribúen á formación e manifestación da vontade popular”. Pero aquí, hai que pararse e interpretar, repensar e ver como se constrúe esa vontade do pobo.


Uns queren que sexa a opinión das maiorías, outros –con toda a razón do mundo– consideran que tamén forma parte da vontade popular o pensar e a idea das minorías e dos discrepantes. O sentido común, á marxe ou ao lado da opinión de políticos e xuristas, obríganos a comprender a necesidade de rexeitar as tiranías, aínda que sexan promovidas pola maioría. 


Ao falar destas cuestións, se lles parece, podemos ver que os principios democráticos deben enraizar na convivencia, no respecto e na igualdade de dereitos. E, probablemente sexa aí onde poida construírse a vontade do pobo. Diálogo, reflexión, vontade de entendemento, colaboración e prosperidade son chaves. Colaboración, por suposto, entre tódolos actores políticos, do Goberno coa Oposición e da Oposición co Goberno. Neste proceso deben intervir os ditados da razón antes que os do corazón. 


Para entenderse non fan falta moitas palabras, como di o refrán: “A bo entendedor, curto falador”. E, se é posible, falar o xusto e con anchura, para lembrar sempre que o falado e acordado non se pode borrar nunca máis, queda para dar pulo a outros tratos, como se fose asinado e formase parte dos protocolos notarias da vida, da familia, da comunidade e da nación. O apalabrado, feito está. 


Para que o pobo poida expresar a súa vontade, para que a cidadanía poida opinar e avanzar ten que dispor de medios e instrumentos que garantan a liberdade, que permitan a comprensión e a capacidade de discriminación, baseados e asentados nos principios da autenticidade  da información e de accesibilidade á formación. 


Aqueles que teñen nas súas mans as porquetas do poder están obrigados a entender que a transparencia é un dereito e que todos os dereitos, civís, económicos, sociais, culturais e ambientais, son para todas as persoas, “independentemente da súa orixe, etnia, cor, sexo, lingua, relixión, opinión política ou calquera outra condición”, para que cadaquén, como contempla a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e como quere a Tía Manuela, “poida vivir a súa vida con liberdade, igualdade e dignidade”.
 

Igualdade e dignidade

Te puede interesar