Ilegales e o tempo dos macarras

Escribo este artigo na mañá anterior a que se publique, ou –o que vén sendo o mesmo– antes do concerto das Festas de agosto da Coruña que, se todo foi ben, tivo lugar onte na praza de María Pita.
 

Alí debín estar. Tocaban Ilegales, a banda que mellor narrou os tempos vellos, os tempos salvaxes, os meus. 
 

O imaxinario do grupo de rock que lidera Jorge Martínez é claro fillo da época na que naceu, os anos 80. Con todo, non se trata dunha formación de auto-tributo –como tantas veteranas– senón que vive da constante creación e tamén da pervivencia hoxe dos seus postulados. Non nos pasa iso desapercibido aos que rondamos o medio século de vida ou máis, pero resultaría falso negar que tamén moitos dos fans acudimos aos seus concertos a reivindicar unha era que nos pertence, unhas décadas que nos fixeron como somos e cuxo mito móvese agora entre á censura á totalidade de novas fornadas e a súa miserable apropiación “incorrecta” por parte de reaccionarios.
 

Revoltas xuvenís, continentes en cascallos, rapazas que se guindan pola ventá, mamoncetes no lugar equivocado ou anxos exterminadores forman parte da estupenda poética anti-cursi de Ilegales, puro rock macarra, utilizado este último término en positivo. Aí está o tema. Pode falarse favorablemente daqueles tempos? Por suposto. Pódese e débese. Sen moralismos, por favor.
 

Non, os anos 80 e 90 do pasado século non foron mellores que a actualidade. A sociedade progresa e así debe ser. Vanse corrixindo  cuestións como o machismo ou a extrema violencia, antes máis asumidas. Pero este feito non avala a xustiza adanista e mesiánica de quen pide a cancelación total daqueles tempos. Loitar contra os anos 80 e 90 desde un plató de twich é tan fácil como inane, ademais de alimentar simplismos para tempos moi complexos.
 

Non se trata de dilucidar se eramos uns cabróns, como se pretende. Algúns si, outros non. Seguro é que tiñamos un sentido do colectivo ou da clase social máis elevado que na actualidade. Sabíamos que polos nosos hai que xogarse o corpo. Que a vida é conflito. Iso tamén son valores, xa –por fortuna– non tan necesarios pero de vixencia ética perpetua. A iso cantan Ilegales. Iso era o que esixía aquela época, a da perigosidade. Cando se nos acusa desde o reaccionarismo de disfraz progresista de insensibles a reeducar só demostran que non saben do que falan. Din, da parte masculina, que os desa xeración non chorábamos nin coidábamos bebés, unha mentira tan burda que causa vergoña allea. E que, incriblemente, cadra case á perfección cos reproches que recibíamos entón por parte dos conservadores.
 

A era do macarrismo (que alcanzou o seu pico na Coruña entre 1985 e 1995) ten luces e sombras. Merece ficar no baúl da historia en moitas cousas. E seguir vixente noutras. Entre elas, neno, a de Jorge Ilegal cantando onte: “Prefiero ser bocazas a murmurador”.

Ilegales e o tempo dos macarras

Te puede interesar