Involución da especie

A teoría da “evolución das especies” de Darwin, elegante e revolucionaria visión que postula o feito das especies cambiar e adecuarse a través do tempo, parece atopar un insuperábel contrapunto no comportamento humano contemporáneo. Nun xiro cruel do destino, mentres as criaturas da Terra foron quen para adaptarse, sobrevivir e prosperar, a especie humana, no seu apoxeo tecnolóxico, está empeñada en desafiar os principios da selección natural. Sexa aquí, no curruncho territorial galego ou máis alén da fronteira de grelos que nos une ao resto das xeografías do planeta.


Sarcástico é, ao tempo de amarga ironía, que mentres a ciencia avanza e desentraña os misterios do universo, a sociedade parece retroceder na súa capacidade de empatía e acción fronte ás traxedias máis horrendas. Xenocidios, fames mortais, conflitos armados e migracións masivas son eventos que hoxe en día vemos nos titulares das noticias, pero a resposta da comunidade internacional e dos gobernos é, no mellor dos casos, morna e, no peor, cómplice. Caso do xenocidio, unha situación que debería provocar reacción inmediata e contundente, porén converteuse nunha palabra máis no léxico diplomático. Os gobernos limítanse a emitir comunicados de “preocupación” e “condena”, mentres se aseguran de que os seus intereses económicos e políticos non se vexan afectados. A vida humana, para eles, é un prezo aceptable para manter o seu status quo.


A frustración vólvese aínda máis dolorosa cando observamos a reacción, ou a falta dela, fronte ao sufrimento extremo dos máis vulnerables, nenos e anciáns, abandonados á súa sorte. Imaxes de rapaces faltos de nutrición, con miradas baleiras, poboan os nosos medios de comunicación, pero só serven como un recordatorio fugaz dunha realidade que se ignora. Ollamos como as organizacións de axuda internacional se ven impedidas de asistir a quen máis o necesita, bloqueadas por impedimento deliberadamente cruel e atroz. En tempos de invasións militares e colonización de territorios, o saqueo de recursos convértese nun obxectivo primordial. Os dereitos humanos son pisados en favor da explotación económica e da rapina mercantil. O sufrimento é constante, mentres a maquinaria diplomática xira lentamente, a miúdo sen propósito real algún.


As ondas migratorias, resultado directo da pobreza extrema, son recibidas con muros e políticas restritivas. A falta de humanidade coa que se lles trata é unha proba irrefutable da nosa involución. Pasamos de ser unha especie que busca refuxio e axuda en tempos de necesidade a unha que pecha as súas portas e endurece o seu corazón. A involución da nosa especie, a considerada humana, na cúspide da pirámide, maniféstase na apatía social e a incomprensible reacción da cidadanía e os gobernos fronte á traxedia humana. A involución da especie non é só un xogo de palabras; é unha mágoa da nosa incapacidade colectiva de aprender dos nosos erros e da historia.

Involución da especie

Te puede interesar