Luz sobre o silencio

A edición comentada e agrandada por Manuel Rico Vera do “Canto popular galego. Colección de temas musicais e coplas galegas” (1940), de frei Luís María Fernández Espinosa, rescata unha obra adrede silenciada durante décadas no estudo da música popular galega. O histórico autor, frade franciscano e músico prodixioso, chegou a Pontevedra en 1909, onde desempeñou un papel clave na vida cultural da cidade. Foi fundador da Xuventude Antoniana, organizador de coros e director da Orquestra de Cámara, ademais de participar na creación da Sociedade Polifónica e da Sociedade Filharmónica de Pontevedra e noutras iniciativas de cultura popular da localidade.


O seu traballo foi recoñecido e louvado en vida, como reflicte a placa no Convento de San Francisco en Pontevedra, que honra a súa labor como “catequista infatigable, músico insigne e fillo adoptivo da cidade” (1959). Unha honra que chegou pouco antes de que, o 8 de abril de 1960, frei Luís María falecera repentinamente mentres tocaba o órgano na igrexa conventual, nun final que parecía un poético reflexo da súa vida dedicada á música e ás cousas do ben común da xente do pobo.


A súa colaboración co musicólogo Casto Sampedro no proxecto do Cancioneiro Musical de Galicia foi unha das súas achegas máis importantes. Así e todo, a publicación posterior deste cancioneiro (1942), así como outras obras como o “Cancionero gallego” (1973) de Bal y Gay e Martínez Torner, aproveitaron os materiais recollidos por Fernández Espinosa sen recoñecer a súa verdadeira autoría ou contribución. O seu “Canto popular galego” foi, polo tanto, relegado a un silencio inxusto e programado, sen dúbida vinculado a súa relación coas persoas do galeguismo republicano e, máis aínda, pola amizade con Alexandre Bóveda, forxada non só no marco da relación musical, senón que polo vínculo familiar e relixioso con Amalia, a esposa do símbolo da Galiza Mártir, parte tamén do coro, e co pai desta, Xerardo Álvarez, cabeza da Terceira Orde Franciscana de Pontevedra.


Por iso, esta nova edición comentada do “Canto popular galego”  non só busca poñer en valor a achega histórica de Fernández Espinosa, senón tamén restituír a xustiza que se lle debe como pioneiro nos estudos da música tradicional galega. A súa obra foi fundamental para a transmisión de coplas e temas musicais populares, que ficou ensombrecida por inaceptábeis omisións pasadas. Non foi ata 1984, coa publicación do “Cancioneiro popular galego” de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, que se abordou o estudo científico e sistemático destas tradicións musicais.


A recuperación de “Canto popular galego” coincide afortunadamente co próximo Día das Letras Galegas, que a RAG dedicará ao “cancioneiro popular galego”, facendo deste un momento clave para redescubrir o legado musical de Fernández Espinosa e a súa profunda contribución ao patrimonio cultural da música galega. Merecida loa para Rico Verea por poñer luz sobre o silencio.

Luz sobre o silencio

Te puede interesar