Máis aló do casco

Coa dor colectiva pola perda da vida dese bombeiro vigués nun accidente de traballo que suma outra morte máis á traxedia laboral que levou aos sindicatos galegos a mobilizarse poucas semanas atrás para reclamar máis eficacia na fiscalización do cumprimento das medidas na prevención de riscos laborais, tempo é de lembrar tamén que a saúde mental no ámbito laboral é un tema que gañou crecente relevancia nos últimos anos, tanto en Galiza como no conxunto do estado español. 


A prevención de riscos laborais tradicionalmente enfocouse na seguridade física, pero a dimensión psicolóxica é igualmente crucial para o benestar integral das e dos traballadores. Estudos recentes subliñan a necesidade de abordar os factores de risco psicosociais na contorna laboral para garantir unha saúde integral e un ambiente de traballo saudable, motivador, respectuoso e produtivo.


Aquí no ámbito galego, a saúde mental no traballo foi obxecto de atención en varios informes do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, constatando o incremento de trastornos mentais e do comportamento como enfermidades profesionais. O estrés laboral, o “burnout” (síndrome de desgaste profesional) e a ansiedade son algúns dos problemas máis comúns no mundo laboral.


A nivel estatal, a situación é similar. Segundo un informe do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, os problemas de saúde mental representan unha proporción significativa das baixas laborais. A pandemia de COVID-19 exacerbou estas tendencias, incrementando o nivel de estrés, ansiedade e outros trastornos mentais entre a clase traballadora. Non mellorou, ao contrario.


Fóra, a Organización Mundial da Saúde e a Organización Internacional do Traballo teñen feito peticións aos gobernos e institucións competentes para que adopten medidas concretas para abordar os problemas de saúde mental no ambiente laboral, poñendo foco na carga de traballo, a precariedade,  os comportamentos negativos, a intimidación e a discriminación que, con demasiada frecuencia, se producen nos centros de traballo. A criterio da OIT, estamos ante un problema que agocha a gravidade da situación real, toda vez que a normalización e os estigmas que aínda prevalecen respecto diso, fan que moita xente non procure axuda á doenza. Todo iso é porque hai medo a perder un posto de traballo que é causa do problema de saúde mental. Círculo espiral.


É evidente a  necesidade de combater a precariedade do traballo e os seus efectos na saúde mental da poboación. O mercado pide a berros un modelo laboral máis democrático, saudable e sostible, ademais de intervencións máis eficaces desde o punto de vista político, lexislativo e da inspección. Evitar danos físicos e mentais. Unha prevención de riscos laborais máis aló do casco e das botas.

Máis aló do casco

Te puede interesar