O poeta Octavio Paz Lozano dicía que “as masas humanas máis perigosas son aquelas ás que lles inxectaron en vea o veleno do medo, do medo ao cambio”. Na sociedade moderna e cambiante na que vivimos, hai persoas e organizacións que non resisten ese cambio, non son quen de adaptarse ás circunstancias distintas. Padecen, sofren e rexeitan calquera tipo de movemento por falta de confianza, por innecesario, por que lles vai ao peto ou por se fracasan e perden poder.
Para Woody Allen o medo era o seu compañeiro máis leal, “nunca me enganou para irse con outro”.
E vostede, que di? É escuro e silencioso, é como unha arma para ferir. Cando é grande, parece feito para morrer e moita xente, ao falar disto, morre de medo.
A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, a través do seu Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC) difunde unha nova de interese neste eido, reflectindo un estudio elaborado por neurólogos da Universidade de California e publicado pola revista Science, que “aporta unha nova perspectiva sobre a orixe do medo xeneralizado, é dicir, o que se produce despois dun estrés agudo na ausencia posterior dunha ameaza real, como ocorre no trastorno de estrés postraumático”.
O cerebro controla e para, pode colapsar ou seguir como e cando conveña. Tamén o sentimento de medo pode aumentar ou diminuír, segundo os casos, segundo as ocasións, segundo a intensidade do bufón que anda con medo. Pero el non ten medo a nada. Vai e volve con seguridade, con esperanza e sen nada, sen nada de nada.
O medo é libre, dicía aquel home libre sentado na esquina da praza da Liberdade, onde agardaba a chegada do tempo, que pasaba e non se paraba. O tempo non se paraba (nin se para) con ninguén. Agora os investigadores falan do estrés e queren ver as posibilidades de afastalo da produción de pavor e de pánico na xente.
Cómpre a presencia de científicos, de expertos, de técnicos e de mestres que anden sen medo buscando as repercusións negativas do medo. Tan negativas como inxustas e perigosas, cando “o medo, como di a Tía Manuela, non é máis que iso: un freo para a loucura, para a fartura e para a miseria”.
E aqueles que non teñen medo, a onde van? Deberían tranquilamente informarse, estudar e pensar na súa situación de pseudovalentes. Despois deberían preguntar de onde vén o medo? É como unha emoción primaria propia dos mamíferos e dalgunhas outras especies animais, que se manifesta de distintas maneiras e sempre de forma desagradable e moi intensa, como resposta a unha ameaza ou á presenza dun perigo real ou imaxinario.
Os estudosos clasifican o medo en tipos. Moitos e distintos tipos, sendo o medo á morte un dos máis comúns, un medo enorme que desenvolve síntomas doutras enfermidades que elas mesmas matan. É unha das formas de morrer de medo.