O pasado Día Internacional das Mulleres Rurais, conmemorado recentemente, no contexto galego e alén do noso país, pouco máis significou que unha serie de mencións puntuais na prensa loando iniciativas lideradas por mulleres en parroquias e vilas da Galiza interior. Sen embargo, a realidade histórica, aínda presente, é que as mulleres do agro foron e continúan a ser o auténtico soporte das familias agrarias e gandeiras, a través dunha dupla carga laboral, tanto dentro como fóra do fogar. Sen dúbida, é importante recoñecer este feito, o rol da muller rural, pero tamén é fundamental ir máis alá e destacar que o futuro de toda a humanidade depende, en boa medida, do mundo rural.
No actual colapso ecolóxico e de emerxencia climática, a reconsideración do rural é peza central nas transformacións que debe acometer a sociedade. Historicamente, o rural foi visto como un espazo secundario, malia ser o lugar esencial para garantir a sustentabilidade e a resiliencia social.
A riqueza do mundo rural reside na súa biodiversidade e no potencial para liderar a transición cara a modos de vida máis sostibles. O cambio que precisamos debe partir do campo, pois é o único lugar desde o que se pode xerar unha transformación real e profunda que cuestione o sistema capitalista baseado na produción industrial e no consumo desmesurado, que é precisamente a causa da crise climática e a explotación desmedida dos recursos. Rural e urbano son partes dunha mesma moeda. A súa interdependencia é evidente pero a dinámica actual de explotación unilateral que rexe esta conexión non fixo máis que empobrecer tanto a biodiversidade coma o tecido social das zonas rurais, debilitando a súa capacidade de adaptación e resistencia fronte ás crises.
Este necesario deseño futuro do mundo rural choca radicalmente coa lóxica capitalista que promove a explotación intensiva dos recursos e un crecemento económico ilimitado. A industrialización agrícola, a plantación masiva de árbores invasoras e a expansión sen control do urbanismo están a devorar os recursos naturais a un ritmo insostible, esgotando o potencial rexenerativo do medio rural. Este modelo económico non só está na base da crise climática, senón que tamén frea calquera intento de avanzar cara a un rural máis sostible e xusto. É vital impulsar políticas públicas que apoien as iniciativas locais e que fomenten un entorno no que un novo mundo rural poida prosperar.
Estamos, pois, nunha encrucillada crucial: seguir pola senda da explotación e da destrución, ou apostar por unha transformación radical das nosas formas de vida. O que está claro é que o rural debe ser o núcleo desta transformación, como corazón do sistema socio ecolóxico que sustenta a vida e que nos pode guiar cara a un futuro máis sostible, xusto e igualitario para as mulleres rurais.