O Noroeste baila na Coruña

Estamos a poucos días de agosto, o mes por excelencia da coruñesidade festiva, en realidade unha presenza que se reparte polo ano enteiro, dada a nosa condición de urbe hedonista, pero alcanza o seu punto máis álxido no período vacacional extremo, no que estamos a piques de entrar.


Onte presentouse o Festival Noroeste Estrella Galicia, que organiza desde os anos 80 o Concello da Coruña, o que antes se chamaba Noroeste Pop-Rock. Unha ollada ao cartel amosa un nivel altísimo, con presenza internacional estelar como a de Crystal Fighters ou Salif Keita, con bandas de tanta repercusión como Vetusta Morla e, ademais, cunha impresionante nómina local, a de Xoel, Triángulo de Amor Bizarro ou -nunha clara aposta pola lingua galega- fenómenos como os de The Rapants e Fillas de Cassandra. En definitiva, un festival que se fose de pago podería cobrar perfectamente 70 pavos polo bono. Pero que é de balde, público, e combina a música con algúns dos emprazamentos máis simbólicos, e bonitos, da cidade, como a praia de Riazor, o parque de Santa Margarita, a praza de Azcárraga, o Campo da Leña ou o Castelo de San Antón. Unha xoia. O mellor festival gratuíto da Península Ibérica.


Hai que lembralo seguido. Porque a época das redes sociais sedentas de indignación -moitas veces impostada- mostra certa tendencia a tapar verdades obxectivas. O recoñecemento da importancia do Festival Noroeste non é cousa de gustos persoais, senón de balance amplo. Hai algúns artistas dos citados antes que non me chistan moito. Pero falamos dun evento para todo o mundo, non para as teimas de parte, algunhas tan previsibles e interesadas que, en fin.


Xusto coa aparición das redes sociais o Noroeste viviu certas complicacións de concepto, como naquel ano de El Consorcio e Raphael -este anos despois estaría no Sonorama, pero ese é outro conto-. Co goberno do PP, recoñezo a pesar de que tal, confirmouse unha liña, con Mika ou Madness. Coa Marea chegou a feliz aposta pola expansión, a pesar de abandonar algo ao comezo os concertos centrais de Riazor, e con Inés Rey alcanzou a relevante dimensión actual, xa estable e que mesmo se amplía agora ao infantil, por exemplo. A cousa vai ben. Valoremos o que temos.


E non só o Noroeste. A Coruña é a Cidade da Música en Galicia e máis alá. Haberá concertos en María Pita, nos barrios, no renovado Viñetas e tamén existen iniciativas como o Atlantic Pride -gratuíto- o Morriña, Recorda, Noites do Porto, Wake Up, ademais da gran programación de Colón, Coliseum ou salas de concertos. Espectacular.


E tamén somos música tradicional con Xacarandaina ou as agrupacións de base, de clásica coa OSG ou a Banda Municipal, e, por suposto, somos a identitaria tradición das orquestras, esa que acaba de reunir no Mito ao eterno Pucho Boedo co seu mellor discípulo, Sito Sedes, que vén de falecer. A túa Coruña, a da música, non che esquecerá. 

O Noroeste baila na Coruña

Te puede interesar