Estaba sentada nunha parede baixiña, diante da porta da casa, no mesmo barrio que vivía súa tía, na mesma rúa onde vivira súa nai, seu pai e onde viven agora moitos recordos, lembranzas da nenez, da mocidade, das historias que leu e das que lle contaron. Estaba, igual que o ano pasado, coa súa cara triste, a cabeza gacha e o corpo vestido cunha saia cinguida, máis ou menos longa; camisa e chaqueta negras. Non se movía e non descasaba, a súa procesión ía por dentro, por onde andan as interioridades inconfesables.
Aquela parede coa pedra morna escoitaba o falar silencioso da moza. A pedra e ela calaban, non sabían para onde ía tanta xente, con tanto apuro, con tanta présa e tanto barullo, barullando. Entraban ou saían dos bares ou das igrexas, cantaban ao son da música fermosa e falaban uns cos outros, recorrendo a cidade paso a paso e seguindo, cando toca, a ese paso ou grupo escultórico que representa a “algún dos sucesos da Paixón de Cristo”.
A Semana Santa é relixiosa, cultural e turística. Ten as raíces enterradas na terra e na alma de moita xente, é como un aglaio e alarde de espiritualidade, de arte e de negocio, onde o simbolismo e a identidade popular xogan un papel de importancia grande para a súa singularidade.
Turismo de Galicia aproveita a ocasión para dar pulo a estes festexos e destaca o feito de que a Semana Santa de Viveiro e a Semana Santa de Ferrol acadaron, cada unha delas, a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional. Aí está o mundo valorando unhas tradicións que a veciñanza aprecia e coida, cada ano e cada día.
Pero non esqueza, vostede, lector ou lectora deste xornal, que Galicia conta con outras destas Festas de Interese Turístico: a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), a Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela, e a Semana Santa de Lugo. E moitos outros lugares programan e fan procesións que recorren orgullosas as prazas, as esquinas e as rúas cara ás súas igrexas.
A moza vestida de negro sente como “camiñan ao meu rente moitos homes / Non os coñezo. Sonme estranos”. “Coma un irmau che falo”, di a Tía Manuela, e “aínda que sexa neste tempo, con choiva ou sen ela, con algarada ou calada, a ruada é a nosa e a vosa ruada”.