O primeiro paso

Os cregos din que o do compromiso a longo prazo e para sempre é o valor principal que outorga o casamento pola igrexa. María Mercedes da Orde, casada e divorciada varias veces, di, sen falar, sen levantar a voz, case como se escoitaramos o seu pensamento, “vaiche boa! Ela, tan falangueira, tan amable e traballadora como a que máis, casou e divorciou dúas veces co mesmo home e, no medio, casou e divorciou tamén con María, aquela fermosa María de pelo longo e ollos negros, que estivo temporalmente casada co seu marido.


Non houbo fillos en ningún dos matrimonios e, agora, a señora está pendente do que veña. Probablemente sexa unha adopción, pero “ten que ser dun neno ou dunha nena da terra, desta terra nosa, onde a xente é formal e de palabra”.


Antes de pensar noutra cousa, a señora presume de feminista e quere casar máis veces, pola igrexa ou na igrexa alugada, na que un actor profesional faga de crego, dirixa a cerimonia e reparta hostias sen consagrar á esquerda e á dereita. Hostias para o noivo e se é noiva, hostias tamén, sen parar ata a próxima, cando -como di a cantiga- “heime de casar cun vello, / heime de fartar de rir ...”


Efectivamente, segundo as estatísticas, o número de casamentos pola igrexa diminuío,  minguo tanto como a caixa das esmolas. Nestes novos tempos, o negocio está na beleza arquitectónica e artística das igrexas, onde cada integrante da parella e o concelleiro amigo, ou un actor pagado, van representar a comedia, cada un co seu papel aprendido e cunha idea indefinida pulando no maxín colectivo. 


O importante é o xantar, o falar, os regalos, as promesas de amor e os recordos. A voda non ten máis nada. As promesas e os recordos tamén se esquecen, coa brevidade que cadaquén queira. A señora Da Orde lémbrase perfectamente do nome do seu marido, pero hai persoas que non son quen de reter os nomes daquelas outras coas que casaron e ás que bicaron. Ou non?


A convivencia, a harmonía, a familia, o pobo e a xente teñen vida, e seguirán con ela, independentemente dos casamentos, do escenario dos mesmos, dos xantares suculentos, da diversión, da mentira, da risa e do negocio. Uns casan e outros non e, no cas delas, unhas casan e outras  non. Non hai diferenza e non  hai nada que pensar. A vida é así, tan sinxela, tan dura e tan bonita. En calquera caso, ollo! Como di a Tía Manuela “o casamento, onde queira que sexa, é o primeiro paso para o divorcio”. 

O primeiro paso

Te puede interesar