Resiliencia climática

O substantivo feminino, resiliencia, conforme á súa definición no dicionario da Real Academia Galega, RAG, é a capacidade de resistencia ao choque que presenta un material, tamén é a capacidade dos seres humanos para adaptarse positivamente ás situacións adversas, e por suposto outrosí, a capacidade de adaptación e recuperación fronte a unha situación adversa. En tódolos casos, é perfecta metáfora de capacidade, de resistencia ou adaptación. De superar o infortunio.


Atributos, facultades e valores todos positivos incluídos no recente cume climático do Vaticano, baixo o slogan e título “Da crise climática á resiliencia climática”, levado a cabo entre os días 15 e 17 de maio. Durante este encontro, reuníronse investigadores, líderes relixiosos e administradores locais para discutir medidas inmediatas de adaptación para os efectos da total emerxencia climática.


Os temas centrais desta cimeira foron a auga, o aire, os alimentos e a enerxía, e examináronse as mellores prácticas xa aplicadas polas administracións locais, as cidades. O cume tamén se enfocou en catro elementos crave da crise climática e en como xestionar e afrontala de maneira efectiva.


Formalmente, o resultado máis destacado destas xornadas a prol do clima habitábel, foi a creación dun ‘Protocolo Planetario de Resiliencia Climática’, que todos os participantes asinaron. Este documento, inspirado no Protocolo de Montreal, establece directrices para fortalecer a resiliencia climática a nivel global. Espérase que este protocolo sexa presentado perante a Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático para a súa aplicación polos estados membros. É un  acordo de intencións, aberto a modificacións se o quecemento supera o limiar de 1,5°C en 2030, para incluír pautas estritas que cambien drasticamente a curva de emisións e aumenten o gasto en medidas de adaptación. Por este camiño que andamos, mágoa é que iso será inevitábel.


Con todo, sabendo dos nobres propósitos e da boa vontade que impulsou á organización deste novo intento de actuar fronte á deriva climática que ameaza o futuro do planeta e á mesma supervivencia da especie humana tal como existe na actualidade,  o escepticismo é comprensible dada a historia de compromisos incumpridos nas pomposas Cimeiras do Clima, COP, que veñen sucedéndose anualmente baixo o paraugas das Nacións Unidas, con documentos, compromisos e proclamas formais que nunca chegan a cumprise na totalidade ou por todos os estados, gobernos, axentes e institucións implicadas. A comunidade internacional agarda que este encontro celebrado en territorio do Vaticano non só sexa un fito na concienciación, senón tamén un catalizador para a acción tanxible.  Dito con retranca e ironía entendíbel: Que se produza un verdadeiro milagre.

 

Resiliencia climática

Te puede interesar