O ridículo e as gargalladas

Foi buscar os votos da mesa electoral situada lonxe da capital do concello, daquel concello con alcalde falanxista, de bigote branco, de mirada baixa e de malas intencións. Foi no burro, de a cabalo daquel asno de pequena estatura, branco e con percha negra. Se o home estiraba as pernas, arrastraba as puntas dos pés no chan e axudáballe a camiñar, costa arriba, ao burro cargado con todo o seu peso no lombo.


Recolleu a saca dos votos e volveu apuradamente para o concello, para que todos tiveran constancia de que os resultados, xa transmitidos ao Goberno Civil franquista, eran tan certos como reflectían as papeletas. Quen sabe? ou que importaba? As contas daban exacto, xusto o que tiña que dar.


Venancio sabíao ben. Naquel traxecto longo costa arriba, dáballe co ramal de corda de pita ao burro e animábao con palabras de amigo cómplice: Arre burro, arre burro que ganamos! E ganaran. Naquel tempo e naquela ocasión concreta todos, votaran ou non, sabían quen ganaba.


Pero o burro era teimudo. Ao día seguinte, pola mañá cedo, Venancio foi á corte, acariñouno, púxolle a cabezada, agarrou suavemente a mesma trela de pita e, cando quixo saír da corte, o asno dixo que non e non se moveu. O amo intentou forzalo, pero non poido ata que, xa cos nervios na flor da pel e diante da mirada da súa irmá máis nova, deu a volta, apoiou o ramal no seu ombreiro, arrastrou ao burro para o camiño como quen arrastra a un trapo e cantoullas ben cantadas, “en intelixencia gañarasme, pero en forza tes que dobregar”.


Hoxe non, aínda non saben quen ganou. Uns din que ganaron eles e outros tamén ganaron. Pero as afirmacións da actualidade son froito da lectura inmediata dos votos, das interpretacións partidistas, dos desexos, dos números e das circunstancias, con capacidade para darlle valor a un voto ou a uns cantos votos, como ten que ser. Independentemente dos pasos andados.


Son poucos votos para gobernar, pero, seguramente, suficientes para seguir ou chegar ao goberno. O máis rendible para cada un dos dous lideres con posibilidades é que o outro acabe sendo o investido e que apande coas consecuencias. Poida que defendan o que non queren e que a vitoria sexa a do adversario, a do suposto perdedor.


Como ten que ser, efectivamente, a Tía Manuela fala dese ministro que, ao parecer, gustaríalle emular a Alfonso Guerra nas súas épocas de mozo vicepresidente, pero “non hai moito que facer, o señor Guerra era de talla intelectual grande e nunca rozaba o ridículo”. Diso debían aprender os que mandan e todos os que queren mandar. Si, Feijóo e Díaz, Abascal e Sánchez (e todos os outros e outras da política) deberían aprender e recordar sempre que o ridículo e o grotesco provocan gargalladas e dan vergonza.

O ridículo e as gargalladas

Te puede interesar