A estas alturas pouco me pode importar que a xente me mire como a un tolo, tampouco andan desencamiñados. E recoñezo que aquela mañá comporteime como tal, explícome. Estaba eu só nunha mesa, tomando o café e mirando twitter, cando estoupei nunha gargallada. Unha persoa solitaria rindo sempre resulta perturbadora (o que quere dicir moitas cousas e ningunha boa), así que o resto da parroquia do local miroume cunha mestura de medo e perplexidade, pero eu tiña as miñas razóns. Acababa de ler a unha responsable política de Santiago dicir que a súa cidade sofre “discriminación histórica”. Para partirse, si.
Recuperada a compostura, seguín ao meu, que é darlle á cabeza. A miña cidade, A Coruña, aínda seguía coa longa resaca dun masivo San Xoán máis, e lembrei outra noite do 23 de xuño, neste caso de hai 40 anos, no fascinante 1982. Daquela, o Parlamento de Galicia viviu un dos Plenos máis decisivos da súa historia, por todo o que provocou despois. Decidíase a polémica ubicación das sedes autonómicas, o conflito tamén coñecido como “da capitalidade”. Malia as enormes mobilizacións da Coruña reclamando o seu papel de cabeza de Galicia -e a prol da descentralización, coa Cámara en Compostela- na votación triunfaba a proposta de Santiago, defendida con constantes apelacións a factores tan pouco progresistas como a de ser “capital espiritual”.
Desde entón, é sabido o que ocorreu. O noso auto-goberno concentrouse nesa cidade, da que se extraeron os conceptos necesarios para dotar ao país dun imaxinario conservador, que ten os seus efectos cada vez que se vota ao Parlamento propio, do que desconectan unha media de 40.000 votantes de esquerdas só en Vigo e A Coruña, os principais motores do país, tamén as dúas urbes que máis se mobilizaron pola autonomía, para despois verse relegadas da súa construcción. Por algo primeiro ao norte e despois ao sur triunfaron modelos políticos locais que tiveron ou teñen moito de resposta a ese centralismo.
Se reparamos nos grandes emblemas da autonomía durante estas catro décadas, o inmediato é pensar na Cidade da Cultura e o Xacobeo, ambos centradísimos en Compostela.
Toma “marxinación histórica”. Xa nin entramos no Museo do Pobo, o CGAC, as múltiples sedes administrativas, a CRTVG, o Estatuto de Capitalidade polo que lle pagamos por selo, etc… Ou sexa, un esquecemento brutal, sen dúbida, aí, aí co tren de Estremadura está a cousa. En fin. Naquel día de 1982, A Coruña perdeu ademais as tres consellerías que tiña. Mesmo se votou en contra dunha proposta socialista para que se puidesen manter e tamén repartir outras por distintas cidades. Talvez cómpre ir recuperando esa proposta. Xa chega de reducir Galicia.
Hai que rectificar parte do iniciado hai 40 anos, naquela noite difícil para A Coruña, que aínda así fixo ese día o que tocaba: divertirse arredor do lume, unha das moitas formas que temos nesta cidade de liderar Galicia. Porque quen ri en solitario, sabe tamén facelo en colectivo.