Todo se andará!

Casou co primo da súa noiva e, de momento, andan ben. Ela, tamén. Está contenta de rematar tal como rematou aquel período de tanto tempo sendo noiva nova e prometida diante da que sería, e non foi, a súa sogra, a que ofertara á parella unha lúa de mel no estranxeiro, onde quixeran. Ao parar de mocear con aquel home que a cortexaba, veulle inmediatamente á memoria e agarrouse a  aquilo que dicía Emilio Lavandeira en “La Carrilana”, o seu manual para camiñar polo mundo, “o cortexo pode rematar ben ou en voda”.


Agora, vese co seu ex-noivo nas reunións familiares, nas ruadas de primos, no verán, cando toca esmorga e a xente baila ao son da gaita. Os casados tamén bailan xuntos na esquina do souto. Teñen moi presente aquilo de Santo Agustíño, “a medida do amor e amar sen medida” e, como dicía Novoneyra, “bailas e faisme libre”, á marxe de todas as leis.  


En Galicia durante o ano 2023 fixéronse 9.150 matrimonios, 8.946 foron de home e muller; 103 de muller e muller, e 101 de home e home. A maioría destas parellas casaron polo civil, o 86,46%, segundo indican os datos aportados pola estatística oficial.  Dos matrimonios de persoas de distinto sexo, a maioría casou cunha idade comprendida entre os vinte e cinco e trinta e cinco anos.


Dunha ou doutra maneira, en Galicia casaron, en 2023, 1.029 parellas de distinto sexo con cincuenta ou máis anos o home e a muller. Coa idade dos dous inferior a vinte e un anos, só houbo dos matrimonios. Se sae mal, mellor que sexa tarde e se é para ben, nunca é tarde. Iso si, “o casamento, como di a Tía Manuela, é o primeiro paso para o divorcio”.


Moitas persoas aprenden, ou gústalles, vivir con outros animais e, segundo a Enquisa de condicións de vida (ECV), baseada en criterios harmonizados para todos os países da Unión Europea, a convivencia coa mascota axuda a lonxevidade. Probablemente esta sexa a razón pola que no 40% dos fogares hai un animal doméstico.


Nas casas da veciñanza hai cans, gatos, peixes, réptiles e coellos. Cóntanse por milleiros. E, tamén hai quen ten ao seu lado mascotas prohibidas, ourizos, camaleóns, porcos vietnamitas e loros, entre outras. Hai un garde negocio neste eido, na industria dos alimentos, por exemplo, que debe ser capaz de preservar de forma equilibrada as necesidades nutricionais das mascotas, elaborando produtos conforme ás mesmas e de acordo cos expertos e/ou científicos.


Está ben, chegará un día no que a ninguén lle sorprenderá ver a unha persoa, home ou muller,  encariñada e comendo ao lado dunha ovella do rabaño, coa que mellor se entenda. Os expertos farán programas para observar e respectar o sentimento dos animais e, en pouco tempo, a ciencia axudaranos a interpretar a linguaxe do can, a través dun tradutor de ladridos, xa en proceso de elaboración. Todo se andará!

Todo se andará!

Te puede interesar