O olfacto, ese sentido polo que se perciben os olores, pode incidir para agrandar a amizade entre as persoas. Segundo un estudo elaborado por científicos dun centro de investigación de Israel e recentemente publicado en Science Advances, as persoas co mesmo perfil odorífero teñen máis probabilidades de seren amigas e a súa amizade será máis duradeira. Ao parecer somos quen de avaliar inconscientemente as afinidades do cheiro do noso corpo con outros e desa química pode haber ou non amizade.
Moitos mamíferos ólense e olen aos outros para saber das súas afinidades, para escoller, para darlle ao ulido a importancia que ten. Compartir o mesmo olor é como compartir o mesmo gusto, a mesma comida e a mesma casa. Quen perde o sentido do olfacto, pois, perde unha manchea de habilidades sociais e queda illado e apegado ao cheiro rancio do xamón mal curado, que non se vai.
O desenvolvemento e a interacción das ciencias axudan e complementan aos avances sociais. Agora, grazas a este estudo dos cheiros, a socioloxía abrirá novos camiños, guiados polo olfacto, para estudar o comportamento humano e frear o deterioro social.
Dicía moi ben un paisano de Placeres (Pontevedra), “Hai que procurar remedio, xa que aquí ninguén ole igual e todo ole mal”.
Se os corpos deses dous olen igual, as probabilidades de que sexan amigos son cientificamente elevadas. E quen pode ter a mesma química que eles? Esa química que se capta, que a veces parece que se agarra e se pesa, fará que o olfacto deixe de ser o menos valorado dos cinco sentidos, como pasa con outras especies, para as que é ferramenta imprescindible nas relacións entre iguais, para detectar a amigos e inimigos, para que as nais localicen ás súas crías, para seguir o camiño e fuxir do perigo.
O olor do corpo é unha fonte de información, un compendio de datos capaces de “predicir aspectos da calidade da interacción social, como gustar, a comprensión mutua, a sensación de que hai química e a vontade de facerse amigos”.
Aí mesmo, no olor do seu corpo, amigo lector, está escrita unha páxina longa do seu futuro, das alegrías e das tristezas, que tamén teñen o seu propio cheiro.
Galicia cheira a flor de toxo, cheira a mar e a rosas, a cereixas maroubiñas e a nós, tal como nós ulimos, pero á Tía Manuela, coa sensibilidade olfactiva que ten, di que o seu corpo ole a ti.