Unha Galicia como a de Lugrís

Unha das cousas menos defendibles de diversos actores sociais ou políticos da cultura galega é o sectarismo. Ese ansia por afirmar que determinada figura “é nosa, non de ninguén máis”. O caso máis coñecido é o de Castelao e a súa apropiación por parte do sector dominante entre o nacionalismo galego de esquerdas. Trátase do mesmo espazo político que aínda hoxe defende que trasladar os restos do rianxeiro desde Arxentina estivo mal, a pesar de que acuden todos os anos a Bonaval a homenaxealo. E parecen molestos cando alguén simplemente disfruta dos aspectos máis transversais da súa obra, algo ao que sempre responden, de novo, cun pechado “é noso!”. Obviamente, Castelao exerceu de nacionalista galego. Pero tamén de moito máis. Mellor que nos represente, nas partes que así se considere, a moitos que só a uns poucos, digo eu. 


Algo así parece suxerirse últimamente sobre outro artista galego, o pintor Urbano Lugrís, do que veñen de cumprirse os 50 anos da súa morte. Máis alá de demandas seguramente xustas pero de enorme complexidade, a figura de Lugrís pertence a un imaxinario e un valor que vai moito máis alá do que poida significar hoxe unha soa forza ou espazo político ou cultural, malia que estes teñan todo o dereito a plantexar reivindicacións sobre a súa relevancia pública. 


Pero o Lugrís maduro nunca foi de ninguén. A súa forma de vida e o seu imaxinario artístico, así como a liñaxe e as amistades, plasman unha rebeldía que en vista da época que lle tocou vivir adopta unha certa orientación política que, en todo caso, non era de militancia férrea, todo o contrario, resulta difícil atopar unha personalidade máis libertaria na Galicia da súa época. Como tamén un pintor máis brillante. 


O artista coruñés foi un bohemio, que facía murais nas tascas para gañarse a vida e o viño. Que fuxiu do elitismo para crear un universo propio de excelencia, onde o Atlántico era principio e final de todo o que pagaba a pena. Así que se queremos buscar nel unha perspectiva socio-cultural inspiradora para a nosa actualidade esa pode ser, e non ten siglas nin cores, unha ideoloxia marítima e urbana, que pon o foco no talante máis aventureiro dos galegos. A obra e vida de Lugrís representa un país aberto, afastado de melancolías perpetuas ou mentalidades de crego montañés. 


E, sobre todo, Urbano Lugrís foi un apenovista avant la lettre, que fixo do eixo atlántico o seu campo de actuación, que deixou algunha importante pegada en Compostela mais tivo como grandes escenarios Vigo, onde pasou os seus últimos tempos e faleceu, e A Coruña, onde naceu e máis anos viviu. Os dous grandes motores do país xa na súa época e tamén agora. As dúas grandes realidades urbanas ás que a autonomía non pode seguir mirando con desconfianza. Merecemos unha Galicia aberta, intrépida, ambiciosa, libérrima e creativa. Como a pintou e viviu Lugrís. 

Unha Galicia como a de Lugrís

Te puede interesar