Uns din que é como unha gripe suave, que vén e vai sen deixar rastro. Pero outros fóronse apuradamente para o cemiterio por mor das novas remesas de coronavirus, que cambian de identidade e de nome. Agora está zumbando a variante EG.5, coñecida tamén como Eris e detrás anda a Pirola ou BA.2.86, con mutacións significativas sobre as anteriores. A ciencia ten traballo dabondo, os científicos non dan feito, os hospitais ocupan as camas todas e os doentes, moitos dos doentes avanzan na carreira cara a nada ou cara a escuridade absoluta, polo camiño do abismo e sen retorno.
Non debíamos escribir disto, pero os que morreron por mor da covid, fose antes ou recentemente, merecen unha homenaxe e recoñecemento dos que aínda andan (andamos) por estas terras movedizas, comprando máscaras, tests e vacinas. O único que pode comprar a xente traballadora, para seguir respirando e, se é o caso, votando.
Os doentes cando quedan sen alento, teñen febre, calafríos e tose; están con cansazo, teñen dor de ósos, náuseas, diarrea, perda do gusto e do olfacto, deben pensar ou saber que algo pasa, algo máis do que pasou. Achégase o virus e aperta á xente, a esa xente que vai traballar con razón ou sen ela, coa máscara atada ás orellas, coa cabeza gacha e sen posibilidades de erguela. Pesa máis a cabeza desa persoa infectada que a dunha porca celta cebada.
Para evitar a infección do tracto respiratorio, tanto que sexa do superior como do inferior, o mercado, os laboratorios, os axentes comerciais e os sanitarios acórdanse das vacinas, como se acordaran antes, daquela, cando os expertos militares e da Garda Civil, aquela morea de uniformados e cun micrófono nos fociños, anunciaban as restritivas medidas. Onde estarán, aqueles aprendices tardíos de locutor?
O Goberno deu por rematada a emerxencia sanitaria, como se a auga volvera ao rego, e a OMS, pola súa parte, di que observa tendencias preocupantes no hemisferio norte e que as mortes aumentan en Oriente Medio e Asia, mentres que os ingresos nas UCI e as hospitalizacións increméntanse en Europa. Hai variantes do virus que aumentan e outras que decrecen. Hai países que informan e outros que calan.
Hai quen traballa na procura da prevención, na solución do problema e na mellora dos servizos sanitarios, coa mirada acentuada nos avances sociais, pelexando, se fai falta, cos obstrucionistas, que medran como as herbas malas. Parabéns para esta xente de ben!
A cidadanía sofre, escoita e observa. Igual que á Tía Manuela, gustaríalle saber de quen é o negocio?