O valor da auga

Un río é un curso natural e permanente de auga doce, que flúe polo seu leito, pola súa canle de máis ou menos capacidade e que vai desembocar ao mar, a un lago ou a outro río. Otero Pedrayo dicía que Galicia era a terra dos mil ríos, rica en auga, paisaxe, costumes e saberes que os humildes labregos e campesiños sabían, como sabían que era conveniente coidar, os ecosistemas fluviais, no marco da densa e interesante hidrografía nosa.


Xunto ao río estaba a vida, auga fresca, herba verde e todo verde. Verde de Galicia, como as xestas verdes, como o verde dos prados regados coa auga limpa. Efectivamente, todos queren (queremos) que a auga dos ríos non se luxe, para que sega dando vida ás plantas, ás árbores, aos animais e a nós. As institucións, as asociacións e a cidadanía unen esforzos para que a auga dos ríos non bote fóra, para que o río non reverta, aínda que medre.


O Miño é o máis longo dos ríos de Galicia, é “o pai” que dá vida nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Despois, en lonxitude, séguelle o Sil (228 Km.), o seu principal afluente, e detrás outros, todos eles de enorme importancia, cargados de vida e de alento, como o rianxeiro río Té, un dos máis cortos e cunha fauna variada e diversa, peixes, mamíferos, aves, anfibios e réptiles en perfecta harmonía, dando leccións de convivencia.  


Xunto aos ríos, ou como parte deles, están as fervenzas e os regatos que recordaba Rosalía, con tristura e ledicia ao mesmo tempo, “....adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos....”. Ao recordar isto, vén á memoria a marabillosa guía das fervenzas da Coruña, que deixou Ramón Muñiz de las Cuevas e que se achega, paso a paso, a aqueles puntos de difícil acceso, agarimados pola auga, o leito do río e a natureza toda. Alí, onde a sombra verde da vexetación florecente traga ao sol tranquilamente, raio a raio.


Pero a propia natureza e a man do home, segundo Vicenç Acuña, director do Instituto Catalán de Investigacións da Auga, “as árbores son un sumidoiro de CO₂, a súa madeira retén o carbono durante Uséculos”, e tamén están as follas, que se descompoñen nos ríos e o carbono vai á atmosfera, acelerando o cambio climático.


Entre todos, científicos, ecoloxistas, docentes, empresarios, homes, mulleres e nenos podemos, debemos valorar, estudar e entender que o coidado dos ríos é tarefa indispensable para un desenvolvemento social e económico sostible. Quizais sexa importante prestar atención á educación para agrandar o compromiso das xeracións vindeiras coa xente, coa vida e co medio ambiente.


Todo o que se faga para non ensuciar o circuíto da auga, na casa e fóra dela, na escola, na universidade e nos centros de investigación é moi positivo. O seu valor non se aprecia “ata que seca o pozo”, como dia a Tía Manuela, “cando xa é tarde”.

O valor da auga

Te puede interesar