Nos últimos 40 anos, aquí e acolá, produciuse un estancamento alarmante dos salarios, produto directo das políticas neoliberais iniciadas nos anos 80. A pesar de que a produtividade real por hora traballada aumentou un 54% desde 1983, a realidade salarial non reflicte este progreso. A xornada laboral, polo seu lado, mantense case inalterada. Se levamos décadas xerando máis riqueza coa mesma ou menor remuneración, ¿por que non cuestionamos o tempo que dedicamos ao traballo?
Reducir a xornada laboral a menos de 40 horas semanais, sen diminución salarial, é unha das medidas máis lóxicas e necesarias para enfrontar os problemas actuais. Francia, por exemplo, reduciu a súa xornada laboral no ano 2000, pasando de 39 a 35 horas, e a súa produtividade continuou crecendo. O que demostra que menos horas de traballo non significan menos riqueza, senón o contrario: unha maior eficiencia no uso do tempo. E dicir, menos horario é máis rendíbel.
Existen estudos que proban unha relación directa entre a redución de horas traballadas e o aumento da produtividade. Isto resulta especialmente evidente en sectores como o industrial e o de “centros de chamadas”, onde o rendemento das persoas traballadoras diminúe a medida que se prolonga a xornada. A fatiga acumulada afecta non só á cantidade de traballo que se realiza, senón tamén á calidade. Unha forza laboral descansada é unha forza laboral máis creativa, eficiente e saudable.
O verdadeiro problema non é unha falta de produtividade, senón un modelo caduco de precariedade laboral que dá prioridade a acumulación de beneficios a costa da calidade de vida da maioría. Mentres xeramos máis riqueza, esta non se redistribúe de forma equitativa. Vivimos nun sistema que favorece a desigualdade como estratexia, cando recoñecer os dereitos laborais, mellorar as condicións e reducir a xornada sen perda salarial sería unha alternativa viable e máis xusta. Non só é compatible coa mellora da produtividade, senón que é unha condición necesaria para alcanzala.
Traballar menos horas significa ter máis tempo para vivir, para gozar da vida, para coidar dos nosos ou para descansar. Isto, á súa vez, fomenta un consumo máis responsable, unha maior participación na vida comunitaria e unha mellor calidade de vida. Se aspiramos a un futuro no que a tecnoloxía e a mellora da produtividade redunden nunha mellora real da nosa existencia, debemos apostar por reorganizar o tempo. E para facelo, é imprescindible reducir o tempo de traballo. É xustiza laboral.
Ademais, a redución da xornada laboral sen perda de salario mellora a saúde física e mental das persoas traballadoras, reduce o estrés asociado aos coidados familiares e fomenta patróns de mobilidade máis sustentables. Menos desprazamentos tamén se traducen nun menor impacto ambiental, un obxectivo crucial no contexto da loita contra o cambio climático. É hora de facela legal.