A viaxe ao Máis Alá

El, Florentino do Medio, chegou coa lingua fóra á parada do autobús, alí diante do tanatorio, de onde saen os acompañantes vestidos de novo para ir ao cemiterio chorar e despedir ao morto ou morta, segundo o caso. -Boas tardes condutor, este é o coche que vai para o enterro de Quiondous?, -Non, non señor a Quiondous fomos onte, o enterro de hoxe é para o outro lado, moito máis lonxe, en Froilonxa. -Grazas, igual me dá, aínda é mellor. Podo subir? -Si, suba!. -Grazas, non tardaremos en saír?.
 

Nun instante, énchese o autobús con xente que limpaba os ollos cos panos ou coas mesmas mans. O que subira primeiro, dende a primeira ringleira, saudaba a tódolos que chegaban cun lene movemento da súa cabeza. A algunhas persoas coñecías de enterros anteriores e para elas o saúdo complementábase cun sorriso. O autocar parou xunto á beirarrúa, revolveu, esperou pola xente e levouna de volta á casa. O enterro era o da señora Casimira, unha muller de moitos anos que morreu por mor dun ataque de formigas velenosas.
 

Detrás do cadaleito e mesmo no coche da funeraria, víanse bulir, e sen parar, moreas destes insectos traballadores. Ao chegar, Florentino perdeulles o rastro e foi –igual que outras veces fora– remirar as lápidas do cemiterio para anotar os nomes, as datas e todo o que se podía anotar daqueles mortos, para el descoñecidos. Curiosidades a barullo, moitas delas sarcásticas, cómicas e graciosas, “por fin, deixei de fumar” ou “non teño máis que dicir”.
 

Era como un turista de funeraria, de tanatorio en tanatorio e de enterro en enterro, coñecendo os cemiterios e a súa arte, con transporte gratis, bromas cos vivos e alongando conversas inacabadas cos mortos, aos “que Deus os teña na súa gloria”. 
 

De regreso, antes de ir para a casa, paraba no tanatorio e programaba a saída do día seguinte. A onde sexa, alá vamos! E, cando non haxa enterro, que faremos? –Viaxaremos con bono gratuíto de Renfe, mentres duren. Todos gratis, para ir e volver, as veces que faga falta. Ou no autobús urbano, de punta a punta, dende esta parada ata que se acabe, un día e outro, se chove porque chove e se quenta o sol, polo aire acondicionado. 
 

Todos correndo seguido, co Inserso, co deporte, nos autobuses dos enterros, nos cruceiros invasivos, nos avións que van a eses lugares paradisíacos, polo Camiño dos peregrinos, coas carrilanas de Esteiro ou nos barcos deportivos. E, como di a Tía Manuela, “a viaxe ao Máis Alá, se pode ser, que espere. Está aí ao lado, que espere”.

A viaxe ao Máis Alá

Te puede interesar