De vivir

Hai xentes, sistemas e países empeñados en facer máis difícil vivir. Implicados na instalación do sufrimento, derivado das mortes inútiles  ás que nos asomamos cada día. Poden ser causadas por fanatismos, por odio, por racismo ou por violencia de xénero, pero comparten o feito de ser inxustas, innecesarias e inxustificadas. Morrer por poñer mal un velo é unha abominación inexplicable, dramática, unha traxedia que non pode ser perdoada. Ser levado forzosamente a morrer nunha guerra ilegal, polo fanatismo dun dirixente, debera de ser delito de lesa humanidade. Vivimos en vidas amplas de calidades e servicios. Vidas que son cada día máis veloces e interconectadas a escala global, coma se vivir implicara obrigatoriamente urxencia. 
 

Vivir debera ser descubrir e sorprenderse, acaso recrear espazos e tempos que nos fixeron desfrutar de mares máis azuis e soles máis cálidos e intensos. A velocidade impide prestar atención aos detalles, recrearse na harmonía do humilde e valorar a importancia do íntimo. Debéramos manexar manuais que nos instruíran sobre a calidade do efémero, ou do carácter provisional de calquera éxito ou triunfo. A pesar de todas as tecnoloxías, seguimos dependendo dos cinco elementos da natureza, terra, auga, lume, aire e  éter ou baleiro, na rebelión dos males de incendios, secas, volcáns, desxeos, devastacións ou epidemias que nos perseguen insistentemente. Observamos o mundo cun exceso de pasividade, e caemos nas trampas das tradicións ou dos rituais, que en moitos lugares, son impostos pola forza. 
 

Cando a razón queda anulada pola forza das armas, rexorden os éxodos, as migracións e as represalias. Vivimos cegados polos obxectivos e as produtividades, e perdemos oportunidades de sentirnos doelas de arcos conformadores de comunidade.  Sentimos a brevidade do que existe e sabemos que  non morreremos dúas veces. Estamos feitos de caducidade e fraxilidade a partes iguais. 
 

Nunca deixarás de construír os meus sentidos -dixo El- sempre estarás nas feridas que nos salvan da vida...

De vivir

Te puede interesar