O nome da Coruña non pode seguir aparecendo relacionado coa sucidade cando sempre foi o contrario”.
Así se expresou Inés ReY, daquela candidata á alcaldía, denunciando a falta de limpeza na cidade na campaña das eleccións municipais de 2019. Por iso unha das súas primeiras promesas foi levar a cabo un plan de choque de limpeza.
Porén, tres anos despois daquelas declaracións, a sucidade existente en moitas prazas, rúas e zonas verdes da Coruña, continúa a causar numerosas queixas.
Nestes tres anos entraron en vigor os novos contratos do servizo de limpeza viaria, contedores e recollida de lixo, após levar anos caducados, mentres continuamos a agardar polo novo contrato do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos, pois a concesión actual caducou ao remate de 2019.
Cabería preguntarse se se desaproveitou a ocasión para introducir melloras substanciais na limpeza e recollida do lixo e mesmo para mudar o modelo de xestión, abordando todo o relativo ao ciclo do lixo de xeito integral no canto de o fraccionar en distintos contratos.
Pero cabería facerse máis preguntas.
Está o Concello da Coruña a supervisar o cumprimento por parte das empresas concesionarias das cláusulas técnicas que rexen a prestación dos servizos?
Porque somos coñecedores de numerosos e sistemáticos incumprimentos.
Está o Goberno Municipal a velar por que os criterios de contratación do persoal e de promoción interna nesas empresas sexan equitativos e transparentes?
Porque somos coñecedores de prácticas que atentan contra eses principios e que, alén diso, resultan nunha pior prestación do servizo.
Pensa levar a cabo o Goberno local campañas de información e sensibilización cidadá ou acometer mudanzas necesarias nas ordenanzas?
Por exemplo, como ten proposto o BNG, para as persoas donas teren a obriga de limpar con auga os ouriños das súas mascotas.
O Goberno municipal faría ben en responder estas preguntas porque, como dixo a alcaldesa, o nome da Coruña non pode seguir aparecendo relacionado coa sucidade cando sempre foi o contrario.