Yolanda Díaz, a conservadora

que é Galicia en 2022? Tal vez esa sexa a nai das preguntas trampa para os nosos políticos. Que somos? A onde imos? (de onde vimos parece claro e depende máis dos historiadores). Ás veces, un bota en falta que se fagan esas cuestións simples pero moi fondas a quen aspira a xestionar o noso país, e tamén a quen o fai. Se cadra, atoparíamos respostas inauditas, sobre apóstoles que nos definen ou sobre a existencia dun país agrario que hai décadas que non é tal. Porque, por desgraza, o tópico segue moi presente en como nos miramos a nós mesmos. Ocorre a dereita e esquerda. Namentres, a visión real e progresista de Galicia segue á espera, ás veces se propón, pero nunca acaba de instalarse. O vello esencialismo resiste.


Eu teño o pálpito de que hai mullleres máis ou menos novas que están chamadas a escribir unha nova Galicia desde posicións de progreso. Penso en Inés Rey, a alcaldesa da Coruña, ou na líder da oposición autonómica, Ana Pontón. E tamén na ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Pero, coa excepción da primeira, ás outras dúas semella que lles custa rachar co tópico. A líder do Bloque fai intentos, pero choca coa cultura do seu partido, fondamente tradicionalista. A vicepresidenta non debería ter ese problema, no entanto esta semana apostou por darlle continuidade ao mito falso da Galicia tráxica e ancestral, que non é para nada a que se corresponde ao que somos: un país avanzado do século XXI, unha potencia a todos os niveis, unha nacionalidade con problemas, pero que xa non vive en ningún tipo de postergación atávica.


Yolanda Díaz está sendo unha boa gobernante. Ao contrario da enorme maioría dos seus compañeiros de espazo político, ela apostou polos feitos e non polos slogans. Pertence a un goberno no que pode desenvolver unha xestión social de alcance, e faino. Por iso resulta absurdo que decidise presentar en Galicia a súa plataforma electoral -Sumar- afondando no mito paralizante do atraso, do todo rural, do sentimental. Que o segundo acto do seu novo partido -coa gran atención estatal que supuxo- fose no Courel para falar de traxedias, de abandono, de rural funesto e de poesía de montaña é unha declaración de intencións. Ninguén discute que hai que defender o territorio galego contra os lumes, coidar o monte e os sectores que alí traballan. Iso é unha obviedade. O que non o resulta tanto é que a estas alturas esa sexa a visión que algunha esquerda sitúa como prioritaria e coa que nos queren presentar ao mundo. Eu tamén veño da aldea, mais da que xa non vive nun drama hereditario, senón no noso tempo.


Galicia é un país urbano liderado por cidades con influencia internacional como A Coruña, con empresas líderes, notables niveis  de vida e tamén bastantes eivas, claro. Pero non somos unha aldea abandonada. Estimular ese marco conservador só beneficia ao atrasismo. E estamos en 2022. Tempo de progreso.

 

Yolanda Díaz, a conservadora

Te puede interesar