A Banda Municipal de Música da Coruña bateu o pasado 2024 os seus récords de asistencia e de concertos nun mesmo ano natural. A formación municipal ofreceu un total de 47 recitais, nos que houbo 45.500 persoas asistentes.
“O Goberno de Inés Rey púxose como obxectivo desde o primeiro día potenciar a Banda Municipal e darlle a visibilidade que merece como motor cultural propio e que, en vista dos datos, goza dunha extraordinaria saúde”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. A formación dirixida por Juan Miguel Romero Llopis, que se atopa nestes intres inmersos coa programación do seu Ciclo de Inverno, actúa todos os meses no Teatro Colón, sesións de balde para a cidadanía ata completar capacidade.
Ademais, o Concello, a través da súa Concellaría de Cultura e Turismo, programa diferentes actuacións da formación nos eventos municipais como as Festas de María Pita ou a Romaría de Santa Margarida, así como iniciativas nas que o Concello colabora ou promove, como o festival Resis, o Encontro Mundial do Humorismo ou Viñetas desde o Atlántico. “A Banda Municipal é un dos grandes valores culturais da Coruña e por iso queremos que sexa capaz de chegar a toda a cidadanía, apostando por levar os seus concertos a todos os recunchos da cidade ao longo do ano”, indicou Gonzalo Castro.
Tendo en conta as estatísticas, o número de espectáculos programados nun ano natural aumentou un 38% desde o 2019, pasando de 34 a 47. Ademais, tamén aumentou o número de espectadores nun 33%, pasando de 34.100 a 45.500 no último lustro. “Isto amosa que hai interese pola Banda e tamén hai vontade do Goberno de Inés Rey por darlle o estatus que merece”, dixo Castro.
BMMC | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 | 2024 |
Número de concertos | 34 | 20 | 17 | 30 | 48 | 47 |
Número de persoas asistentes | 34.100 | 11.800 | 8.950 | 30.300 | 35.850 | 45.500 |