Estamos na época da cita e de citas. Quen nos diría que se podía chegar a este punto? Parece que está trazada unha liña directa, que vai directamente cara a nada ou cara a listaxe interminable de nomes que agardan ser citados nos hospitais, en facenda, no tanatorio, na Universidade, na peaxe da autoestrada, no Supermercado, na cociña económica, nun programa de televisión calquera ou na entrada da oficina do paro. Estamos no camiño, dispostos a berrar con toda a forza ou coa pouca forza que queda: Nunca máis! A xente do noso pobo está farta dos fascismos, dos abusóns, dos dexenerados e de todos aqueles que menten, por progres que sexan ou se chamen.
A xente está cansada, anoxada e aborrecida daquilo que vai en contra da razón. Absurdo! Todo parece unha trapallada ás ordes de certa politicallada, unha desfeita mal organizada polos intereses dos que mandan e queren seguir mandando e vivindo á conta dos máis débiles. Algúns, incluso, queren aproveitarse e presumir de modernos solidarios, de compatriotas iguais, de burleiros e burladoras de mal gusto.
Defínense opositores das “casas de citas” e planifican estratexias de cita previa para mulleres casadas, para mulleres maduras, para relacións ocasionais, para contactar con homes casados, para atención primaria e para xestionar, a través da sede electrónica, os procesos enteiros da Axencia Tributaria. Fan dos concellos de cada lugar e da Administración Pública as grandes casas de citas: cita previa imprescindible para atención na oficina, para a renovación do DNI e para calquera cuestión relacionada cos servizos sanitarios, incluído o servizo médico que mide as pulsacións do corazón por teléfono ou, no mellor dos casos, por videoconferencia.
Teléfonos de información e cita previa con prezos abusivos e permitidos, operadoras de seguros, educativas, bancarias e, incluso, de xestión de espera e control de cita ao dispor da cidadanía que, como di a Tía Manuela, “é quen paga, quen aguanta, quen padece e quen espera”. A cidadanía nun estado democrático debe ser libre para elixir, para expresarse e gobernar as súas casas sen o acompañamento dos aproveitados que andan na acción política ou na xestión das crenzas relixiosas.
Estamos na reivindicación da liberdade e, así, rematamos solicitando directamente comprensión e entendemento entre os diferentes.