Triángulo de Amor Bizarro (TAB) actuará hoxe (22.30 horas) no escenario Nonito Pereira do festival Noroeste Estrella Galicia, na praza de María Pita. Isa Cea, a súa cantante, fala do momento inédito que está a vivirse este 2020.
Suman o seu terceiro concerto da nova normalidade. Como está sendo o reencontro co escenario?
Tocamos na Riviera en Madrid e no Fórum en Barcelona e foron concertos moi especiais, un regalo. Hai uns meses pensamos que o parón se prolongaría indefinidamente e o público está disfrutando moito. A música é unha parte importante para a socialización.
Un concerto de Triángulo sentado, de entrada, é raro.
Si pero tamén funciona. A organización ten un traballo multiplicado por mil e para o público o importante é estar alí e poder repetir. Que non sexa ir un día, facer o parvo e non volver a un concerto. Agora é como facer ioga ao revés: estás sentado pero non relaxado, senón que todo se che remove por dentro.
Sacaron o seu disco recén estreado o estado de alarma.
Para nós era súper importante, despois de anos traballando, que a xente o escoitara, e dentro do feito de estar pechados na casa, nunha situación totalmente distópica e chea de incertidume, o noso disco creo que soubo acompañar nestes momentos.
Como pasaron o confinamento?
Foi agridoce, terrible pola parte da enfermidade pero tivemos un bebé, un neno da apocalipse, do que tamén disfrutamos moito.
Que define o novo disco?
O noso primeiro disco tamén era homónimo e amosa que seguimos sendo a mesma banda, pero cunha evolución como músicos e como persoas. Neste disco falamos dunha forma máis persoal e levamos cada estilo que tocamos ao límite.
Tocarán no escenario Nonito Pereira. Que papel xogaron el e Jaime Manso en TAB?
Importantísimo. En Portobello pasamos horas con Jaime escoitando música e mesmo nos moveu algún concerto. Con Nonito igual, tiñamos o local ao lado da tenda do seu fillo e temos moitas anécdotas. É de recibo que agora se lles recoñeza todo o seu compromiso coa cultura e coa música local. l