A Gramola Gominola sacará o lado máis rockeiro dos picariños este domingo ás 18.00 horas no teatro Colón, onde presentarán o seu terceiro disco “Bravas. O rexurdir da luz”. Conta Anxelo de Xermar que a música que fan é para rapaces de cero a 99 anos, “non pensamos que son nenos”, único polas letras que teñen un punto de diversión e promoven valores porque o ritmo é rápido.
Un, dos, tres e a butaca ponse en pé. As súas cancións falan en primeira persoa do plural feminino e con esta premisa tocan temas como o ecoloxismo para poñer a desfilar a superheroínas, “xente con capacidades especiais”. Así é como sae á palestra A Lebre Chouteira, “que corre detrás dos cazadores”; a Raiola Tarola, á que lle gustan as percusións e o ruído ou a Megatronca, que loita contra os eucaliptais, ao mesmo tempo que a Banda Pica Pica, “pelexa contra os abusóns” e como non hai conto sen malo, a formación dálle vida a Dona Trona, que tingue todo de escuro e intenta que non saian os sentimentos.
Explica o músico que os concertos como o desta fin de semana implican aos cativos para que “bailen e canten con nós, non están sentados a mirar”. O directo mestúrase coa palabra e o show nútrese de sketches de humor e teatrais da man de Paco Cerdeira, Pacolas, que aparecerá no escenario con casco de luces e unha capa que lle chega aos nocellos.
Paula Romero será a voz, que cabalgará coa batería de Rodrigo Muñoz, o baixo de Anxelo e a guitarra de Paco. A Gramola Gominola leva en activo desde 2015, pero no seu curriculum vitae pódese ler un pasado glorioso, o de formaren parte de Mamá Cabra: “Coincidimos todos”.
E nesas andan porque a banda escapa do ñoño, quizais influídos por aqueles momentos cando eran pequenos nos que saía o videoclip de “The final countdown” na televisión: “Saltábamos enriba do colchón”. Eles meten distorsións, poñen o volume a tope e fan que os chavales se peinen para atrás, “non nos cortamos nada” porque son “un grupo de rock infantil”. De feito, nada máis subirse ao escenario, mandan ao público que estenda ben os seus dedos índice e meñique.
O último libro disco vén da man de Galaxia como os anteriores, dentro da colección Sonárbore: “Funciona moi ben”. Ademais de crear para os espectadores máis baixiños, os integrantes teñen unha cara b. Paula está en De Vacas e no coro Encaixe; Paco expresa o seu lado máis punk en Zënzar e Rodrigo arroupa a Luís Tosar cando se trata de facer melodías con Di Elas.
Pola súa parte, Anxelo de Xermar milita en Festicultores animando o cotarro aí por onde pasan co chimpín. Entre Santiago e Lugo, A Gramola Gominola ten moitas cancións que poñer e todas teñen o poder de facer que os nenos estean a tope desde o minuto un.