Levamos un xaneiro díscolo e empeñado en non facer esquecer os tempos pasados. Un Xaneiro de impactos que enche cada día dunha nova sorpresa. Chegou Filomena e coa intensidade polar da crónica dunha nevada anunciada. Ninguén pode dicir que non se avisou en tempo e forma. Ninguén agás Almeida e Ayuso. Pero é sabido que Ayuso e Almeida están noutras cousas e noutras alturas, e non nas do común dos mortais. Pero pasou case unha semana das grandes nevadas e as cidades, os colexios e os abastecementos, aínda están colapsados pola neve. A xestión das incidencias é escasa, lenta e ineficaz. Deberan aplicar aquilo de nin tanto arre que fuxa, nin tanto so que se deite. Sorprende a rapidez coa que critican e rexeitan as medidas acordadas nas reunións co Goberno, e a incapacidade para resolver os impactos das nevadas nas rúas e nos transportes con eficiencia. Mentres a 3ª ola Covid suma e segue. Todas as comunidades loitaron por incrementar o número de membros para as celebracións do Nadal que fixara o Goberno. Agora, segundo Feijóo, a culpa é de Pedro Sánchez. E que ademais deberan deixar ás Comunidades que decidan e fagan o que consideren oportuno. Manifestáronse contra a decisión do confinamento pedindo a liberdade da cidadanía e salvar a economía, e agora acusan ao Goberno por non confinar radicalmente á sociedade. Querer unha cousa e a contraria é unha sorte de exercicio esquizofrénico que pretende unicamente apropiarse dos éxitos e renegar dos fracasos. Non lles da vergoña aproveitarse do drama: o episodio de Feijóo e a mangueira, e agora Casado aplicando o de só darlle á pa cando, casualmente, haxa un fotógrafo dispoñible...Impactos excesivos para a metade dun mes.
O silencio garda a discreción rotunda do importante -dixo El- e abriga coa intimidade quente dun abrazo. Medramos nos silencios e creamos, fronteiras permanentes contra o olvido...